Vila de Cruces recupera este ano o desfile de Entroido

Entroido
Víctor Furelos
O desfile celebrarase o martes de Entroido, día 1 de marzo

Vila de Cruces. O Entroido volverá encher de maxia e cor as rúas de Vila de Cruces. O alcalde, Luis Taboada, mantivo unha reunión co concelleiro de Cultura, Julio López, e a concelleira de Facenda Mireya Otero para organizar a celebración destas datas, que xa comezan achegarse e a situación sanitaria desta volta permitirá a sua celebración .

López adiantou que sí haberá Desfile de Entroido con premios para os gañadores. “Contaremos coa animación da charanga Castro Bello durante o desfile”, explica o tenente de alcalde, quen anima a todos os amantes do Entroido a que retomen esta gran tradición da Vila de Cruces e se sumen ao festexo.

O desfile celebrarase o martes de Entroido, que coincide co 1 de marzo, e comezara ás 17.30 horas. Percorrerá as principais rúas do municipio, ata acabar na praza Juan Carlos I.

Tal e como explican desde o Concello, a xente que queira optar aos premios poderá inscribirse o mesmo día do desfile, aínda que por motivos de organización sería de agradecer que os que se queiran inscribir non esperen ó ultimo día para facelo.

As inscricións pódense facer no concello ou anotándose no teléfono 986 582017 ou no 687 228590. C.C.