Aínda poden participar na campaña comercial os negocios de Arzúa

Vanse emitir uns bonos que custan trinta euros para mercar produtos de ata cincuenta
Comercio local
Alba Prada
As tarxetas bono poderán gastarse ata o 12 de marzo

Arzúa. Aínda permanece aberto o prazo para inscribirse na campaña Arzúa, a túa tenda, posta en marcha polo Concello en colaboración coa AECA (Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa). O obxectivo desta iniciativa non é outro que axudar a incentivar o pequeno comercio e a hostalería, dous dos sectores máis afectados pola pandemia da COVID.

Con ánimo de reducir os efectos da crise sanitaria, emitiranse uns bonos que terán un custe de 30 euros e cos que se poderán mercar produtos nos negocios da vila adheridos á iniciativa de ata 50 euros. Os 20 euros que aforrará a veciñanza serán sufragados polo Concello.

As persoas do sector do comercio e da hostalería do municipio interesadas en participar na iniciativa deben poñerse en contacto coa AECA para xestionar a súa adhesión a dita campaña. Como entidade colaboradora será a encargada de xestionar as citadas subvencións e, ademais, asesorará a todos os interesados na súa tramitación.

Cando se peche o prazo dado aos locais para anotarse, a veciñanza poderá adquirir na sede da citada asociación de empresarios as tarxetas-bono, que serán válidas para gastar ata o día 12 de marzo. Asemade, serán compatibles co período de rebaixas. A. P.