Alertan dun timo de venda de enciclopedias no Concello do Pino

Estafa
Alba Prada
Os estafadores din que contan coa colaboración do Concello. Foto: Pexels

O Pino. O Concello do Pino alerta, a través das redes sociais municipais, dunha “posible estafa” que está a ter lugar no municipio. Segundo indican dende o goberno local, “varias persoas chamaron ás oficinas municipais para advertir desta situación, polo que pedimos a toda á veciñanza que extreme as precaucións diante deste tipo de actuacións”. O engano ao que se refiren é á venda de enciclopedias, ben mediante chamadas telefónicas ou achegándose ás casas. Asemade os estafadores aseguran que “contan coa colaboración do Concello”.

Ante esta situación, o goberno municipal quere deixar claro que “o Concello non está a colaborar con ningunha empresa de venda de enciclopedias” polo que aconsella aos veciños e veciñas que estén moi atentos ao timo.

O pasado mes de xaneiro tamén se producía nos concellos de Frades e Trazo unha estafa, neste caso facíanse pasar por operarios do gas e vestían uniformes co distintivo da empresa Repsol. Hai que lembrar que os estafadores buscan como vítimas normalmente a persoas maiores, polo que ante calquera sospeita, o mellor é non abrir a porta e non dar datos persoais por teléfono. A.P.