Amence con pintadas en Melide a área recreativa do río Furelos

Vandalismo
Alba Prada
Imaxe da pintada que apareceu trala fin de semana na área recretiva de Furelos. Foto: C.M.

A área recreativa de Furelos, no concello de Melide, amencía trala fin de semana cunha pintada que ocupa todo o frontal das instalacións que albergan os vestiarios das piscinas. Dende o Concello denuncian calquera tipo de acto vandálico e deixan claro que “non teñen cabida no municipio”. Aproveitan para pedirlle á veciñanza que “sexa respectuosa co mobiliario urbano e coas instalacións”. Ante esta situación, os usuarios da área recreativa melidense aproveitaron as redes sociais municipais para pedir que se limpe o río Furelos, que din, está “contaminado”. Hai que lembrar que leva anos sendo obxecto de varios vertidos procedentes do polígono industrial A Madanela, o último tiña lugar o pasado 27 de decembro e a Asociación de Troiteiros Río Furelos denunciaba os feitos ante Augas de Galicia, o Concello e o Seprona.“Ao día seguinte achegáronse ata o río membros de Augas, o Seprona e da Consellería para recoller mostras, pero non sabemos quen foi o responsable, só que procede do polígono industrial”, explica o presidente da Asociación, Xavier Pazo.

Lamenta que aínda non se fixese a prometida depuradora, que di, “sería a solución”, pero considera que mentres tanto “poderían precintar os canalóns que verten ás augas do Furelos”, sentencia o presidente da entidade. “Hai unha falta de interese tanto do Concello como da Xunta que non ten explicación”, considera Pazo.

Respecto ás pintadas, lembra que xa polo ano 2005 apareceran varias repartidas por toda a área recreativa que contiñan mensaxes en contra da asociación e que denunciaron eles mesmos.