Arrancan a comezos do verán as obras de mellora no CPI Ponte Carreira

Licitación de obras
Alba Prada
No centro, Roberto Rey fala con Gonzalo Trenor. Foto: X.G.

FRADES. A comezos do verán, cando os estudantes estén de vacacións, a Xunta de Galicia vai acometer no CPI Ponte Carreira de Frades a substitución da cuberta e das carpintarías do edificio de Infantil e Primaria. O investimento será de máis de 380.000 euros, o que permitirá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. A actuación ten un prazo de execución de tres meses. O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, desprazouse ata Frades e alí informou da licitación da actuación. En concreto, substituirase a cuberta existente de tella de formigón e fibrocemento por unha solución de cuberta de panel sandwich con dobre chapa lacada e illamento intermedio. Ademais, renovaranse os canlóns existentes. Tamén se cambiarán as carpintarías exteriores e persianas. Colocarase unha nova de aluminio anodizado con apertura oscilobatiente e con dobre acristalamento. O alcalde, Roberto Rey, agradeceu o compromiso da Xunta, xa que “estaba entrando bastante humidade nesta parte do colexio” e entregou ao Goberno un estudo das próximas necesidades a cubrir. O Concello tamén “mudará o portón da entrada”. A.P.