Os alumnos e alumnas de 3º de Primaria deseñaron ata dez rúas nas que non existe a violencia de xénero nin a discriminación // O novo mapa da vila fomenta o coidado do medio ambiente e tumba os estereotipos machistas TEXTO Alba Prada

Arzúa convértese nunha vila tolerante, igualitaria e inclusiva

Educación
Alba Prada
Os alumnos e alumnas de 3º de Primaria do CEIP de Arzúa que fixeron o proxecto. Foto: CEIP de Arzúa

Quen non soña con vivir nunha cidade na que non existe nin o menor sinal de violencia de xénero, na que a igualdade entre homes e mulleres é absoluta, na que non hai cabida para o racismo, a homofobia e a xenofobia; e na que o coidado medioambiental é lei de vida? Os nenos e nenas de 3º de Primaria do CEIP de Arzúa teñen moi claro que esta é a urbe na que desexan crecer, e por iso crearon todo un mural no que, partindo da praza central arzuá, foron deseñando as rúas e edificios que consideran, deberían conformar a súa vila.

EquiArzúa é o nome deste proxecto posto en marcha pola profesora Rosa Cajade, nun primeiro momento como unha iniciativa para conmemorar o Día da Muller, pero que ao final foi moito máis alá. “Empezamos en marzo con motivo do 8M e ao final o proxecto leva de todo, incluso os alumnos din que aínda falta incluír un aeroporto e a estación de tren”, sinala a titora de 3º de Primaria. Son un total de 24 os nenos e nenas que fixeron posible EquiArzúa “o noso gran de area para lograr un país, unha cidade, unha vila onde predomine a igualdade, a liberdade, o respecto, a tolerancia, e o coidado polo medio ambiente, posto que é un municipio cheo de recursos que non contaminan e enerxías limpas”, engade Rosa. EquiArzúa está inspirado en Equiterra, a iniciativa posta en marcha por ONU Mujeres coa que construíron un país que acadou a igualdade de xénero.

Para realizar este gran mapa do municipio arzuán, os cativos e cativas estiveron divididos en grupos, de forma que cada un se encargou de deseñar unha rúa. “Iso si, entre todos expuxeron as ideas para ir dándolle forma ao conxunto”, explica a profesora. “É un grupo moi inquedo”, di, e iso foi o que deu un resultado tan brillante.

Iago contoulle a este xornal que EquiArzúa mostra unha cidade na que “hai tolerancia relixiosa”; Lucía resalta que “na rúa sin violencia pode vivir calquera” e “hai un restaurante no que poden comer todos sen importar a cor da pel ou a roupa que vistan”. Uxía, Carmen e Ainhoa relatan que con esta actividade “aprendemos que todos somos iguais” e explican que non faltan escolas, centros de saúde, institutos ou hospitais. Ademais, engaden, a cidade está adaptada ás persoas con discapacidade. “Invítovos a que veñades”, di Uxía.

Samuel quixo facer fincapé en que se trata dun lugar “sen contaminación” e no que “as mulleres tamén son pilotas”. Manuel apunta que en EquiArzúa “todos cobran o mesmo, é dicir, un home e unha muller que traballan na mesma empresa cobran igual”. E a pesar da magnitude deste mapa, Iván asegura que “aínda non está acabado”, sentencia.

AS RÚAS O novo deseño da vila conta con dez rúas. Unha é a Avenida Sen Estereotipos; na que calquera rapaza pode ser o que lle guste. En Calella Sen Violencia as mulleres son valoradas; na Rúa da Igualdade Salarial mulleres e homes perciben o mesmo salario por traballos iguais. Existe tamén a Planta da Masculinidade Tóxica, un lugar no que grazas ao diálogo e a aprendizaxe construtiva os comportamentos tóxicos se transfoman en actitudes que perpetúan a igualdade de xénero. Praza da Inclusión é accesible para as persoas con discapacidade e non hai discriminación. Na Rúa da Acción Climática, todos contribúen ao coidado da terra; na da Igualdade de Representación a sede do goberno, un xornal e unha tele teñen equilibrio entre homes e mulleres nos altos cargos. Tamén hai un Bulevar da Educación, a Avenida da Liberdade e a Rúa da Tolerancia Relixiosa.