Augas limpa un tramo do río Fraga, na vila ordense

Limpeza de ríos
Alba Prada
Imaxe dos labores de limpeza no río Fraga, en Ordes. Foto: Xunta

Ordes. Augas de Galicia continúa coas accións enmarcadas no programa de mantemento, conservación e mellora no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-centro. Dentro deste proxecto, a entidade pertencente á Xunta de Galicia está a desenvolver traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do río Fraga, sito no municipio de Ordes.

En concreto, os labores teñen lugar nun tramo deste río, de case 1,3 quilómetos de lonxitude, que coincide co seu percorrido pola parroquia de Santa María. As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como de madeira morta e atoamentos.

Estas tarefas forman parte das intervencións que leva a cabo Augas nas áreas con risco potencial significativo de inundación (Arpsi). A.P.