Chega a Melide a comedia sobre o confinamento

Cultura
Alba Prada
Cartel que anuncia o espectáculo. Foto: C. M.

Melide. O vindeiro domingo, día 11, o centro sociocultural Mingos de Pita acollerá ás 19.00 horas a obra teatral 32m², de man de Butacazero. Trátase dunha creación de Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, que retrata en clave de humor as vivencias do confinamento.

Mar e Xan son unha parella que viven tranquilamente no seu pisiño de 32m². “A vida pasa e o mundo xira, volta e volta, coma un filete. Pero un día, o mundo esmendréllase. O que era unha Nación convértese nunha HiberNación e hai que facer todo o que di Simón. Mar non recoñece a súa vida. Xan non recoñece á súa parella. O mundo redúcese a catro paredes e xa ninguén entende nada”. Así reza a descrición desta comedia teatral coa que, sen dúbida, o espectador se vai sentir identificado en boa parte.

Todos aqueles que desexen asisitir deberán reservar praza no enderezo electrónico reservasculturais@concellodemelide.gal. Tamén se pode chamar ao número de teléfono 981505003, EXT 2122 de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas. As entradas son de balde. A.P.