O Goberno galego investirá en Ribadiso máis de 270.000 euros // O obxectivo é pór en valor esta aldea de Arzúa pola que pasa o Camiño Francés // As actuacións implican máis servizos para os peregrinos de cara ao Xacobeo TEXTO Alba Prada

Convenio histórico para dar vida a un poblado singular de Galicia

Xacobeo
Alba Prada
O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (esquerda), e o alcalde de Arzúa, José Luis García, asinando o convenio. Foto: C. Arzúa

O pasado 25 de febreiro o Consello da Xunta deu luz verde ao convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Arzúa para a mellora do núcleo de Ribadiso. Un proxecto que é unha vella demanda do goberno local e que onte daba un paso máis ao procederse á firma do acordo, de man do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e do alcalde arzuán, José Luis García. A firma tivo lugar xunto ao albergue de peregrinos do núcleo de Ribadiso, polo que discorre o Camiño Francés.

O Goberno galego vai investir máis de 272.200 euros na pavimentación de 508 metros cadrados de calzada e na zona de colectores. Ademais, dotarase ao lugar dos servizos de recollida de augas pluviais, saneamento, abastecemento de auga potable e alumeado público, e instalarase mobiliario urbano, como bancos de pedra e cunchas de bronce.

“O acordo contribuirá a ofrecer a mellor imaxe do Camiño de Santiago e da súa contorna e neste caso, coa posta en valor do núcleo de Ribadiso, coa fin de incrementar a atención aos peregrinos”, sinalou o vicepresidente primeiro.

E é que este núcleo arzuán é un dos puntos que atravesa o Camiño Francés, declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo, Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade e “é a ruta máis transitada por peregrinos de toda as nacionalidades, polo que precisa dunha especial protección e atención para presentar a súa mellor cara neste Xacobeo”, apuntou Alfonso Rueda.

O vicepresidente explicou durante a súa visita a Ribadiso que “Galicia estará preparada para recibir aos viaxeiros cando se recupere a mobilidade”. Nesta liña, apostou por “seguir a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro e cun Camiño seguro para recuperar a confianza dos turistas e dos peregrinos en canto a situación sanitaria o permita”, sentenciou ao respecto.

De feito, tal e como indicara o rexedor arzuán ao recibir a confirmación do convenio, esta actuación “suporá un gran impulso ao sector turístico, que constitúe hoxe en día un dos piares fundamentais da economía do noso municipio”.

É por iso, engadiu o vicepresidente primeiro, que a Xunta “traballa na posta en marcha de medidas como o seguro coronavirus para presentar a Comunidade como un destino confiable e de calidade, así como as actuacións necesarias no Camiño de Santiago, tanto na ampliación e mellora da rede pública de albergues como na conservación e sinalización das rutas xacobeas ou da súa contorna”, subliñou.

En canto a mellorar a imaxe do Camiño, o Goberno galego ademais de convenios como este tamén convocou en 2021 a orde de axudas destinadas a concellos e particulares para a mellora paisaxística e ao embelecemento das rutas xacobeas, que este ano incrementou o seu orzamento en 300.000 euros cunha dotación de 1,5 millóns de euros.

Na convocatoria do pasado ano 2020, máis de 117 proxectos beneficiáronse deste apoio do Goberno galego para favorecer a restauración de elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios, xunto con traballos de naturalización e embelecemento do trazado. Todo co obxectivo de pór en valor a paisaxe e a cultura vinculadas ao Camiño.