Demandan axilizar a fibra óptica en Tordoia

Durante a reunión de Trenor co alcalde tamén se abordou a urxencia dun urbanimo áxil
Urbanismo
Alba Prada
Gonzalo Trenor, esq., e Antonio Pereiro diante da sede do Concello de Tordoia. Foto: Xunta

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, achegouse onte ata a sede do Concello de Tordoia para manter unha reunión co alcalde, Antonio Pereiro, na que abordaron, entre outros asuntos, o resultado do recente parque infantil cuberto de Pontepedra, e a substitución de luminarias en Tañe. Hai que lembrar que o parque foi inaugurado o pasado venres 13 e trátase do primeiro con cuberta no municipio (só había dous, un no colexio e outro ao lado da piscina). A nova obra ubícase na área de servizos ao lado do ximnasio municipal Martín Liste e do Punto de Atención á Infancia. Asemade, está xunto ao futuro centro sociocomunitario. O Goberno galego achegou a este proxecto preto de 34.000 euros da Orde de Infraestruturas de uso público.

Durante esta primeira toma de contacto, na que estivo presente tamén a alcaldesa de Trazo, Fina Suárez, Pereiro expresoulle ao delegado territorial a urxencia de que a fibra óptica chegue a todos os núcleos e parroquias da vila. “Demandámoslle que se axilicen os traballos de Telefónica, porque estamos tendo dificultades para falar coa empresa e gustaríanos coñecer o calendario e facer suxerencias”, explica o rexedor. “Ter unha boa banda ancha é o noso obxectivo principal, porque hoxe é o que máis demandan os veciños”. Segundo dixo, en todos as parroquias hai algún núcleo que ten fibra, pero aínda quedan moitos sen ela. “Durante o estado de alarma houbo nenos que non tiñan boa conexión para estudar online, e iso hai que cambialo, porque é o que máis discrimina ao rural”, asegura Pereiro.

Outro dos temas que se abordaron na reunión foron as licenzas urbanísticas. “Queremos cambiar certas cousas para ter un urbanismo áxil”. E é que segundo indica o alcalde tralo estado de alarma sacouse ata unha por semana. “Imos pechar o ano con quince licenzas novas, cando o normal eran unha ou dúas anuais”, declara. E é que ao parecer tamén a vila notou o desexo da xente de escapar dos pisos nas cidades cara casas nas aldeas despois da experiencia do confinamento.