As obras de humanización foron posibles grazas a un convenio entre o Goberno autonómico e o Concello de Touro // Contaron cun orzamento duns 44.000 € // A actuación enmárcase no Plan Hurbe, que apoia ás entidades locais TEXTO A. Prada

Fin ós asolagamentos en Fonte Díaz ó canalizar o Portapego

Rego do Portapego
Alba Prada
En primeiro plano o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, (1º esqd.) e o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisando as obras. Foto: C. Touro

A localidade de Fonte Díaz, no municipio de Touro, estaba a sufrir problemas de asolagamento debido a unha deficiente canalización. Agora o contratempo verase solucionado grazas aos labores postos en marcha no rego do Portapego. Precisamente onte supervisaban as obras, que xa están rematadas, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e ao alcalde de Touro, Ignacio Codesido.

Os traballos contemplaron outra actuación na rúa Ramón Cabanillas, o que permitiu duplicar a canalización do rego do Portopego, co obxectivo de porlle fin aos problemas de enchentes na zona e de mellorar as condicións de drenaxe. Tamén se instalaron arquetas de acceso á canalización para as oportunas operacións de mantemento e rematouse coa reposición da pavimentación afectada no transcurso da obra. Asemade, sinalan dende o Goberno galego, deuse continuidade ao itinerario peonil xa existente. O importe desta actuación ascendeu a case un total de 44.000 euros.

O delegado da Xunta lembrou que ditas obras de humanización foron posibles “grazas a un convenio de colaboración firmado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Goberno local”. Gonzalo Trenor destacou que esta iniciativa enmarcouse dentro do Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai unha década para apoiar ás entidades locais en accións que contribúan a humanizar e incrementar os seus espazos de uso público, promovendo á vez o reequilibrio territorial.

En 2021 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda manterá esta liña de colaboración cos concellos, reservando nos seus orzamentos máis de 7,4 millóns de euros para financiar actuacións en municipios e contornas urbanas. Neste senso, o delegado do Goberno autonómico anunciou que a Consellería publicará no próximo mes de marzo unha nova orde de axudas dotada con 2,3 millóns de euros e destinada á creación ou mellora de infraestruturas en municipios de menos de 20.000 habitantes. A convocatoria, de carácter bianual, reservará 1,3 millóns para financiar proxectos municipais este ano e outros 950.000 euros quedarán para o próximo exercicio. “O resto do orzamento irá a parar a actuacións municipais que cumpran cos obxectivos de dinamización social e humanización inspiradores do devandito Plan Hurbe”, aclara Trenor.

Asemade lembrou o representante da Xunta que este programa foi posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 “para contribuír á posta en valor das vilas galegas e dos núcleos rurais a través da colaboración económica coas entidades locais na execución de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciar infraestruturas, servizos e equipamentos públicos, e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”, sentenciou Gonzalo Trenor.

Durante a última década e con cargo ao programa Plan Hurbe, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda executou, ou comprometeu, un total de 317 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, uns traballos “que van supoñer a mobilización de 148,96 millóns de euros”, apuntaron dende a Xunta.