Frades retoma as clases de cociña ‘online’ para aprender a facer orellas

Hoxe é o último día para participar e mañá remata o prazo do concurso de Entroido
Entroido
Alba Prada
A receita que terán que facer son as famosas orellas. Foto: directoalpaladar.com

Frades. Durante o confinamento unha das propostas virtuais postas en marcha polo Concello de Frades foi a das clases de cociña. A través das redes municipais ían sacando cada semana unha receita, que describían mediante un vídeo. A idea era que os máis pequenos da casa se animasen, coa axuda dos maiores, a cociñar, e que logo sacasen unha foto da creación para subir ás redes do Concello.

Agora, para despedir o Entroido, o Concello volve botar man da proposta e desta vez ensina aos cativos e cativas a elaborar as famosas orellas de Carnaval. Todos os que se animen a facer este doce terán que fotografar o resutado e envialo ao número 699 639 700 (por Whatssap). Hoxe é o último día para participar. A receita que propoñen dende o Concello é moi sinxela; só se precisa fariña, manteiga, azucre, sal, ovos, lévedo, unha pizca de leite, limón e anís.

Dende o Concello tamén lembran que mañá remata o prazo para participar no certame Entroido na casiña. Os máis despistados aínda están a tempo de enviar unha fotografía disfrazados e a folla de inscrición (que se pode descargar na web do Concello) ao enderezo biblioteca.municipal@frades.gal. Hai tres categorías (infantil individual, adultos individual e grupo) e premios económicos en todas elas. Vai dirixido a empadroados ou residentes na vila. A.P.