Inician as obras de rehabilitación da Casa de Correos de Arzúa

Os traballos converterán o antigo edificio nun centro de uso público destinado a propostas culturais // O prazo de execución é de dez meses e custa 600.000 €
Rehabilitación
Alba Prada
Imaxe actual da Casa de Correos de Arzúa, onde comezaron as obras. Foto: C.A.

A antiga Casa de Correos de Arzúa é dende onte obxecto dunha importante intervención que contempla a súa rehabilitación e conversión nun edificio de uso público destinado a actividades culturais. Segundo explicaron fonte municipais, a encargada de levar a cabo o proxecto é a empresa OREGA S.L. e o prazo de execución é de dez meses. Tendo esto en conta para o mes de novembro deste ano o edificio pasaría a ser un centro cultural cun amplo xardín traseiro que terá conexión directa co albergue público de peregrinos e coa Capela da Madanela. En verbas do Concello este espazo converterase “nunha zona libre de extraordinario valor en pleno casco histórico da vila”, aseguran.

As actuacións dentro do edificio implicarán a recuperación da construción orixinal, eliminando os engadidos e instalacións propias do seu uso como espazo residencial, tales como a cociña, a cheminea e o aseo. Sobre a base existente de muros de carga de pedra conformaranse as distintas plantas de piso e cubertas, realizadas con estruturas de madeira, e xa adaptadas ao novo uso proposto. Manteranse os espazos da construción orixinal a excepción da zona de acceso, donde se eliminará parte do forxado da planta primeira creando un espazo en doble altura conectando ambas plantas. As comunicacións entre o andar baixo e a primeiro faranse a través dunha escaleira lonxitudinal na mesma situación que a escaleira orixinal situada no eixo da casa; e mediante dun elevador ubicado nunha das dependencias da planta baixa. “O obxectivo desta comunicación é adaptar o recinto á actual normativa de accesibilidade”, aclara o Concello.

Na fachada recuperarase a imaxe orixinal rehabilitando os seus actuais ocos e balcóns, e o acabado será un enfoscado de cal branca. A eliminación do volume de aseos suporá intervir sobre a fachada traseira, polo que se suprimirá e tratará o oco resultante, de xeito que se consiga un acabado continuo en toda ela.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, amosou “o agradecemento do seu goberno ao Ministerio de Fomento, promotor das actuacións, polo seu interese en facer realidade a rehabilitación deste espazo” e salientou o seu convencemento de que “os veciños e veciñas de Arzúa poderán desfrutar xa neste ano dun inmoble e dun espazo libre, fermoso e cómodo, situado nunha das zonas con máis encanto” da vila.

E é que segundo aclara o goberno local “as obras de acondicionamento e mellora do inmoble eran unha materia pendente dende hai anos que sempre preocupou ao actual goberno municipal conformado por Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE”. De feito foi o Concello o que decidiu destinar os aproximadamente 600.000 euros que custa a actuación, e que foron subvencionados polo Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana, a acondicionar a Casa de Correos aínda non sendo o Concello o propietario do inmoble. Hai que lembrar que é titularidade da Xunta. Non obstante, sinalan fontes municipais, a decisión tomouse ante “o precario interese da Xunta de Galicia en priorizar a actuación”.