O centro sanitario de pandemias e emerxencias inaugurado en Valdebebas ten o seu nome // Foi a primeira muller en embarcarse nunha misión internacional para levar a América a vacina da viruela // Naceu na vila ordense, onde residiu ata os vinte anos, cando decidiu adicarse á medicina TEXTO A. Prada

Isabel Zendal, a Filla Predilecta de Ordes, ten un hospital en Madrid

COVID
Alba Prada
Inauguración o pasado día 1 do hospital de pandemias e emerxencias Isabel Zendal, ubicado na localidade de Valdebebas, en Madrid. Foto: Efe

Isabel Zendal, Filla Predilecta de Ordes, é sen lugar a dúbidas un nome ben coñecido en Galicia, e especialmente no seu municipio natal. Pero agora a súa vida non pasará desapercibida a nivel nacional grazas á inauguración dun hospital en Valdebebas (Madrid), construído en tempo récord (tres meses e medio) para servir como centro de emerxencias e desconxestionar ao resto de centros da rexión para que retomen a súa actividade habitual.

Pero quen foi Isabel Zendal e cal é a súa importancia no mundo da medicina? Isabel naceu en Ordes no ano 1771 e foi a primeira muller en embarcarse nunha misión internacional para levar a América a vacina da varíola. A súa motivación pola sanidade chegoulle tras a morte de súa nai por esta enfermidade, considerada unha das pandemias máis mortais da nosa historia.

Zendal tiña daquela trece anos de idade. Aos vinte decidiu deixar a vida rural que ata o momento levara na vila ordense e trasladouse ao Hospital de la Caridad de A Coruña, onde exerceu como axudante e aprendeu a profesión.

Posteriormente, no ano 1800, acabaría traballando nun orfanato, onde se encargou de acoller e criar a nenos orfos e que foran abandonados polos seus pais. Tres anos despois, a súa vida cambiou por completo ao embarcarse na antedita misión co cirurxián da corte, Francisco Javier Balmis, e que tiña como finalidade erradicar a pandemia da varíola de América.

Para isto levaron a vinte e dous nenos, e entre eles ía o de Isabel, inoculados co virus, dado que non tiñan outra forma de conservar a vacina durante a viaxe. O labor de Isabel a bordo era coidar dos nenos, posto que, segundo Balmis, necesitaban unha figura materna.

Pagáronlle o mesmo soldo que ao resto de compañeiros, algo que naquel entón era impensable, como tamén o foi a súa coraxe tendo en conta que lle tocou vivir unha época na que as mulleres loitaban por facerse un oco na sociedade.

Tras pasar, entre outras rexións, por Canarias, Porto Rico, Caracas ou México, Isabel Zendal partiu en 1805 cara o Pacífico xunto a 26 nenos mexicanos. Tras as últimas viaxes decidiu quedar en México a pasar o resto dos seus días. Alí traballou nun hospicio de Puebla de los Ángeles xunto ao seu fillo.

En 1950 a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñeceu a Isabel Zendal como a primeira enfermeira da historia en misión internacional e como un dos piares da expedición. A súa historia recolleuse en varios libros: A flor de piel, de Javier Moro; Isabel Zendal en los archivos de Galicia, de Antonio López; Ángeles custodios, de Almudena de Arteaga; e Los niños de la viruela, de María Solar. Asemade, en 2016 TVE emitiu a película de Miguel Bardem 22 ángeles, na que a actriz galega María Castro dá vida a esta enfermeira. En México é recordada con cariño e incluso unha escola de enfermería leva o seu nome. Agora súmaselle o hospital madrileño, creado precisamente para facer fronte a outra pandemia: a do coronavirus.

Esta muller, adiantada ao seu tempo e digna de admiración, é agora máis coñecida grazas ao centro sanitario e a maioría de xornais nacionais están a contar a súa historia.

FILLA PREDILECTA. O 1 de decembro de 2016, xustamente cando se facían 213 anos da súa partida dende A Coruña coa expedición Balmis, o pleno de Ordes aprobaba de maneira unánime o recoñecemento de Isabel Zendal como Filla Predilecta do municipio. Dende entón, o Concello solicitou en tres ocasións a concesión dunha Medalla de Galicia a título póstumo para Zendal, que abandonou A Coruña coa Real Expedición Filantrópica de Francisco Xabier Balmís e nunca regresou.

A última das peticións foi aprobada en pleno o pasado mes de febreiro deste ano, pero hai que lembrar que as Medallas de Galicia de 2020 foron outorgadas ao persoal sanitario e de servizos sociosanitarios. Por conseguinte, o Concello ordense terá que seguir agardando para ver cumprido o seu desexo.