Lavadoiros: reliquias públicas que Touro se esmera en restaurar

Patrimonio
Claudina Estévez
Lavadoiro da Muíña, na parroquia de Quión. Foto: C. Touro

Touro. O Concello de Touro está a traballar por manter ao día o seu patrimonio público. É por iso que está arranxando durante os meses de verán os seus lavadoiros, ubicados nas diferentes parroquias. O equipo de traballadores do Concello xa arranxou o da Muíña, na parroquia de Quión. As obras consistiron en substituír o azulexo do interior do lavadoiro e cambiar as columnas que soportan o tellado. Dende o goberno local explican que, sobre todo no verán, aínda son utilizados por algúns veciños e veciñas para lavar a roupa, aínda que cada vez son menos frecuentados.

Outro dos lavadoiros arranxados é o de Laña, tamén en Quión, no que foi restaurado un muro lateral. Aínda queda por renovar o de Loxo, uns labores que se acometerán nas próximas semanas. Nos vindeiros meses seguiranse mellorando estes e outros espazos “para así manter ao día as instalacións que son utilizadas pola veciñanza”, indican fontes municipais. c.e.