Mapas antigos en Oroso no 25 aniversario de Obradoiro da Historia

Esta entidade, creada en 1996, colabora co Concello nesta mostra de trece cartografías
Cultura
Marcos Manteiga
Mirás, esquerda, con Vanessa Boo e Manuel Pazos. Foto: CO

Ordes. O Concello de Oroso, en colaboración coa asociación Obradoiro da Historia, organizou no centro cultural Casas e Novoa unha mostra de antigos mapas escolares de 1961 a 1974. Prolongarase ata o vindeiro mes de abril, e coincide co 25 aniversario da entidade que preside Manuel Pazos, e que vía a luz un mes como este do ano 1996, para dar a coñecer o patrimonio histórico, arqueolóxico e natural da comarca ordense.

Precisamente, o cordinador da exposición que inclúe trece mapas, Manuel Pazos, apuntaba que a conforman exemplares enteados, fráxiles e sensíbeis que se expoñen tal e como se recuperaron, sen restaurar. Varios deles teñen unha antigüidade próxima aos sesenta anos e, no seu momento, formaban parte do material clásico nas escolas da época para estudar a Xeografía Física e Política, polo que apreciamos neles, por exemplo, as mudanzas de fronteiras, o nacemento de novos Estados ou como van cambiando os nomes de cidades e de lugares.

A intención da mostra, que xa visitou o rexedor Manuel Mirás, é mostrar unha parte do patrimonio histórico educativo, como é a cartografía escolar que utilizaban os profesores nas escolas das décadas do anos sesenta e setenta do século pasado, cando non existían as tecnoloxías que xurdiron máis adiante.

“Na exposición apreciamos o legado cartográfico das escolas vellas, moitas delas unitarias do rural”, apunta Pazos, xa que a través dos mapas políticos e físicos, os profesores tentaban transportarnos a outros espazos, a outros países, a outros mundos ou a outras culturas, polo que tanto o profesorado como o alumnado realizaban un exercicio de imaxinación para entender o grande e variado que é o noso planeta.

CULTURA. Pola súa banda, Obradoiro da História naceu cun grupo de amigos (o núcleo é a súa directiva: Manuel Pazos, Daniel Pereiro, María Souto, Begoña Pérez e Suso Louro) preocupados polo baleiro cultural na comarca. O gran tirón entre a veciñanza propiciou que se aumentasen os obxectivos iniciais da investigación e da divulgación da historia local ata a Arqueoloxía, Etnografía e Memoria Histórica. Tamén editaron obras diversas e fixeron actos públicos ou denuncias máis que axeitadas. m.m.