Marea veciñal de Touro pide regular a feira do mes

Mercado
Alba Prada
Imaxe de tráfico o día da feira. foto: Marea veciñal

Touro. Marea veciñal de Touro demanda ao Concello unha ordenanza municipal “para regular” a celebración da feira que se celebra na localidade de Fonte Díaz os días 5 de cada mes.

Segundo explican “a normativa municipal permitiría situar os diferentes postos do mercado dun xeito lóxico e non como ocorre ata o de agora que mesmo se ocupan espazos como a entrada do centro de saúde dificultando a entrada de pacientes e o estacionamento das ambulancias en caso de emerxencia”, apuntan. Para o partido veciñal é unha “anomalía” que despois de tantos anos celebrándose este evento “non exista unha ordenanza municipal regulatoria, algo insólito que ocorre en poucos concellos de Galicia”, apostillan.

Dende o Concello aseguran que se “rixen pola normativa da Xunta” no tocante á venta ambulante. Sinalan asemade que “non teñen previsto facer ningún regulamento propio posto que iso faría máis restritivo o acceso aos produtores locais”. Apuntan tamén dende o goberno que “nunca houbo ningún problema” posto que é un mercado pequeno e non cobran aos postos por instalarse. A. PRADA