Melide lanza tarxetas para axudar ao comercio local

Comercio local
Alba Prada
Momento da sinatura do acordo de colaboración. Foto: C. Melide

Melide. Dende onte e ata o vindeiro sábado, día 15, xa están dispoñibles as tarxetas prepago Merca en Melide. Trátase dun proxecto que nace dun acordo de colaboración entre o Concello e Abanca, e no que tamén axuda a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem).

Dita campaña está dirixida a reactivar a economía local, impulsando o consumo nos establecementos comerciais da vila e na hostalaría. Son un total de 1.500 as tarxetas que se emitirán cargadas con 30 euros, dos cales o usuario/a aboará 20 euros, e o Concello se fará cargo dos 10 € restantes. Poderán ser empregadas nos establecementos locais entre o 24 de maio e o 24 de xuño.

O Concello porá en marcha unha segunda edición das tarxetas entre o 27 de setembro e o 31 de outubro, polo que o importe total aportado polo goberno local nesta campaña será de 30.000€. Todos os interesados en facerse con elas (é unha por persoa) deben acudir ao edificio multiusos, en horario de 10.00 a 19.00. “É unha mostra do compromiso deste goberno co tecido produtivo local”, sinalan fontes municipais. A.P.