O Pino suspendeu as actividades deportivas para adultos e menores

Tan só se manterán as clases de bolillos e de costura porque os grupos son de catro
Actividade física
Alba Prada
Clase de patinaxe, impartida dentro das escolas deportivas municipais. Foto: C. O Pino

O Pino. Ante a evolución negativa da pandemia e as novas restricións aprobadas pola Xunta de Galicia, o Concello do Pino decidiu suspender todas as actividades deportivas para adultos e tamén as escolas deportivas municipais para o alumnado do colexio. A medida entrou onte en vigor e vaise manter mentres as condicións sanitarias non melloren.

Deste xeito quedan temporalmente paralizadas as actividades deportivas para adultos, que xa contaban con grupos reducidos e que se viñan desenvolvendo nos polideportivos de Lameiro e de Pedrouzo. E xunto a elas as das escolas deportivas. En canto ás propostas culturais, só se manterán en pé nestos momentos as clases de bolillos e de costura, posto que segundo explican dende o goberno local, xa contaban con grupos moi pequenos, de tan só catro persoas.

Con esta medida, o goberno do Pino “quere contribuír coas autoridades sanitarias a evitar a propagación da pandemia. Pedímoslle comprensión á veciñanza. Sabemos que estas medidas causan molestias, pero neste momento o máis importante é evitar posibles focos de contaxio”, sinala o alcalde do municipio, Manuel Taboada. A.P.