Obradoiro da Historia cumpre vintecinco anos de traballo pola cultura de Ordes

Naceu para encher o baleiro que as institucións non cubrían na comarca // Busca tamén defender e difundir o patrimonio arqueolóxico e natural // Manuel Pazos Gómez é o seu presidente e valedor // Publican semblanzas de persoeiros e libros
Subtitulo
Memoria Histórica
Marcos Manteiga
Daniel Pereiro, pola esquerda, con Begoña Pérez, Saleta Goi, Manuel María, Mini, Mero e máis Manuel Pazos. Foto: OH

A Asociación Cultural Obradoiro da História é unha desas entidades que, de non existir, habería que inventalas para pór en valor a cultura, o patrimonio e a sociedade da comarca ordense. Ademais, pasa por ser unha das primeiras de carácter memorialística do país, e este mes celebra o seu 25 aniversario.

Segundo explica o seu presidente, Manuel Pazos, a asociación naceu oficialmente no mes de marzo do ano 1996, “cando un grupo de amigos decidiu organizarse e constituírse en asociación co obxectivo inicial de encher, dalgún xeito, o baleiro cultural crónico que padecía a comarca de Ordes e que as institucións políticas non se molestaban en atallar”. Outra das súas pretensións iniciais foi defender e dar a coñecer o patrimonio histórico, arqueolóxico e natural tantas veces ameazado, desprotexido e desprezado polos gobernantes locais daquela época.

As denuncias pola desfeita nese legado arqueolóxico (castros, medorras, camiños medievais...) e a publicación dos primeiros traballos de historia local xeraron unha expectación e admiración recíproca entre a veciñanza e o grupo de activistas que lideraban a asociación. E esta aceptación mutua levou a que os seus responsábeis aumentasen os seus obxectivos no eido da investigación e da divulgación da histórica local e doutros campos, como a Arqueoloxía, Etnografía, memoria histórica (historia contemporánea que abrangue desde a II República, golpe 1936, represión, guerrilla antifranquista, franquismo ou transición, entre outras).

“Xa en 1997 comezamos a investigar no eido do que posteriormente se chamaría memoria histórica, sendo esta asociación unha das pioneiras en Galicia”, di Pazos. E coa edición de dous cadernos sobre o tema, os ordenses poideron coñecer o acontecido durante a Segunda República, a represión do 36 e a loita da guerrilla antifranquista.

O núcleo da asociación estaba formado pola súa directiva: Manuel Pazos, Daniel Pereiro, María Souto, Begoña Pérez e Suso Louro e, paralelamente, contaba cunha rede de socios, distribuídos pola comarca de Ordes, e a colaboración dun grupo de empresas que patrocinaban as actividades, ante a falta de axudas institucionais, sobre todo, durante os primeiros anos de vida desta entidade.

Para tentar cumprir os obxectivos marcados, a asociación desenvolveu as súas actividades en tres campos (sobre todo durante as dúas primeiras décadas).

O primeiro deles é a edición de publicacións, que prolongouse ata o ano 2016. Os traballos foron distribuídos, maioritariamente de balde, e supoñían unha novidade na recuperación e difusión da historia local. Publicacións en forma de folletos tipo A3, que a xente coleccionaba. Por exemplo biografiouse a persoeiros descoñecidos da bisbarra, como Manuel García Gerpe, Nicolás del Río Castelo, Alfonso Senra Bernárdez, Manuel Lois García, Vicente Carnota Pérez, Antonio Francisco de Castro ou mesmo Moncho Valcarce. Logo xa publicarían en formato libro.

No que atinxe aos actos públicos –desenvolvidos tamén ata hai cinco anos–, fixeron posible un contacto directo cos veciños, alternando as ofertas: xornadas literarias, presentación de libros, conferencias, etc. Nas Xornadas Literarias (que mesturaban literatura e música) pasaron por Ordes persoeiros do nivel de Neira Vilas, Manuel María, Suso de Toro, Méndez Ferrín, Bernardino Graña... Tamén organizaron exposicións sobre temas etnográficos e da memoria histórica, todas con grande éxito de asistencia e interese. E non hai que esquecer a edición de Segrel, a revista literaria da Terra de Ordes.

E xa por último, está o apartado das denuncias. Esta entidade é pioneira na bisbarra por sinalar as agresións ao patrimonio histórico, artístico, arqueolóxico e natural, denunciando ante as institucións pertinentes e con gran repercusión nos medios.