Oitenta pemes e autónomos de Oroso pediron as axudas do PEL-Reactiva

Pechouse onte o prazo de presentación das solicitudes para acollerse ao programa para afectados da COVID-19 da Deputación da Coruña
F. Cernadas
O Concello de Oroso repartirá 134.583,62 euros en achegas dirixidas a autónomos e microempresas. Foto: C. de Oroso

O Concello de Oroso recibiu máis de oitenta solicitudes de axudas do programa PEL-Reactiva da Deputación da Coruña, destinadas a pemes e autónomos con actividade no municipio e que se viran afectados pola pandemia do coronavirus.

En concreto, a administración orosá repartirá 134.583 € en achegas. Estas axudas, da liña PEl-Reactiva, lanzada pola Deputación da Coruña, van dirixidas aos autónomos e microempresas que se viran afectadas polo peche do negocio durante o estado de alarma, así coma aquelas que viran reducida a súa facturación en máis dun setenta e cinco por cento ou que se tiveran que acoller a un ERTE derivado desa situación.

Neste senso, as subvencións oscilan entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia que non teñan persoal ao seu cargo e os 3.000 euros aos que poden optar as microempresas e autónomos que conten cun cadro de persoal de entre seis e nove empregados.

“Desde as administracións temos que activar todo tipo de medidas para axudar a sectores como a hostalería e o comercio”, afirma Antonio Leira, concelleiro de Promoción Económica.

Ademais destas axudas e as convocadas a semana pasada pola Xunta de Galicia, o propio Concello aprobou diferentes medidas e rebaixas fiscais para o próximo ano 2021, co mesmo obxectivo claro de axudar ás familias, ás pemes e ós autónomos do municipio.

En concreto, o pleno municipal aprobou unha rebaixa no IBI e no recibo do lixo, así como unha bonificación dun 60 % no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica para os automóbiles eléctricos e híbridos. Todas estas bonificacións terán un impacto de 177.000 euros, cos que contarán os veciños e veciñas para os seus gastos. “Son medidas necesarias para axudar ás familias e reactivar a economía local”, asegura Manuel Mirás, alcalde de Oroso.

Por último, destacar que a administración local puxo en marcha outras iniciativas, como a publicación e actualizacion dun listado dos locais de hostalería que dispoñen de servizo de comida para levar. Desde a concellería de Promoción Económica de Oroso anímase á veciñanza a seguir consumindo desta maneira nos locais, co obxectivo de que o peche sexa algo máis levadeiro.