Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O patrimonio da provincia da Coruña reabre as súas portas

Logo de máis de dous meses de inactividade debido ao confinamento provocado pola crise sanitaria da covid-19, o patrimonio da provincia da Coruña reabriu as súas portas para os visitantes. Asemade que van abrindo diferentes espazos nesta nova normalidade, tamén o fan os centros culturais provinciais, iso si, con amplas medidas de seguridade.

Seguindo as medidas indicadas por Sanidade, a entrada a estes recintos deberá realizarse con máscara, que cada persoa deberá levar posta, a excepción dos menores de seis anos. A maiores, deberán gardarse as normas de distanciamento e respectar o aforo máximo indicado para cada recinto. Do mesmo xeito, todos empregarán o xel hidroalcohólico que estará a súa disposición nos puntos de acceso.

De este modo, e seguindo estes protocolos, xa se pode visitar o Mosteiro de Caaveiro (A Capela), o Pazo Mariñán (Bergondo), o Ecomuseo Forno do Forte (Malpica de Bergantiños), as Torres do Allo (Zas), o Castelo de Vimianzo (Vimianzo), os Batáns de Mosquetín (Vimianzo), o Dolmen de Cabaleiros (Tordoia), o Dolmen de Axeitos (Ribeira), o Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños), as Torres de Altamira (Brión), o Centro Etnográfico de Teixeiro (Curtis) e o Centro de Interpretación da Natureza (Coirós).

Neste verán, no que non haberá festas tradicionais, estes espazos gañan máis valor se cabe, aparecendo como boas alternativas para realizar unha excursión polo territorio e coñecer o pasado dos nosos antepasados.

MOSTEIRO DE CAAVEIRO. Situado nun montículo rochoso entre os ríos Eume e Sesín, no Parque Natural das Fragas do Eume, de incomparable beleza, érguese este mosteiro que sufriu numerosas intervencións ó longo da súa historia. As súas orixes remóntanse ao século X en que se teñen as primeiras noticias da existencia de vida monástica neste lugar. A historia de Caaveiro vencéllase a S. Rosendo e pertenceu á orde de S. Bieito e posteriormente foi mosteiro de coengos regulares de S. Agustín.

Trátase dun conxunto de edificacións, algunhas xa desaparecidas: Igrexa principal, Igrexa de Santa Isabel, celdas, cabildo, sancristía, pozo, almacéns, arquivo ou mesmo a torre-campanario.

Nesta toma de contacto coa nova realidade, o mosteiro recibiu xa centenares de visitas nas fins de semana. Este punto, de marcado interese turístico, mantense aberto durante este mes de xuño de 11.00 a 19.00 horas. Durante o verán (xullo, agosto e primeira quincena de setembro) este pártese das 10.30 ás 14.00 e das 16.00 ás 20.00. Por último, nos últimos quince días de setembro, recupera o horario de xuño.

DOLMEN DE DOMBATE., Monumento megalítico no que existen dous túmulos superpostos. O máis recente, de vinte e catro metros de diámetro e 1,8 metros de altura, presenta unha cámara poligonal longa, de sete ortostatos, aberta ao exterior a través dun corredor de tres treitos, orientado ao leste, ben diferenciado tanto en planta como en alzada. Este, que aparecía tapado por unha lousa a xeito de porta continúase cara ao exterior a través dun dromos existente na masa tumular. Tanto a cámara como o corredor, presentan importantes restos de arte, sexa gravado ou pintura.

Pola outra banda, o túmulo antigo, de dez metros e medio de diámetro e un de altura, conta cunha estrutura interna formada por unha cámara de nove ortostatos aberta ao leste, ao que se accedía por unha entrada en pozo.

Este espazo cultural, adquirido pola Deputación en 1975, pódese visitar, desde comezos deste mes e ata finais de setembro, tódolos días da semana de 9.00 a 21.00, mentres que as guiadas están dispoñibles das 10.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 20.00. Estas últimas realízanse cada media hora. A maiores, os venres 10 e 24 de xullo e o 7 e 21 de agosto haberá rutas guiadas nocturnas, que arrincarán ás 23.00.

PAZO MARIÑÁN. As orixes deste monumento sitúanse a mediados do século XV, nunha defensa mandada construír por Gómez Pérez das Mariñas, nobre cabaleiro da corte de Juan II, que participou dunha maneira activa nas loitas Irmandiñas. O Pazo e os seus xardíns son conxunto histórico-artístico e monumental e na actualidade ten tres usos: actos institucionais, centro de cursos e museo, reunindo boa parte da colección artística da Deputación.

A súa arquitectura presenta en planta unha estrutura en “U”, configuración típica de moitas destas construcións. A fachada principal presídea unha escalinata, das denominadas “imperiais”. Na súa parte baixa, dúas esculturas en pedra representan a dous serventes en actitude de recibir ao recentemente chegado. Ao subir por ela, o visitante accede á sala de entrada que fai de recibidor e distribuidor ás demais dependencias.

No interior destaca a grande lareira e a horizontalidade imperante, rota unicamente pola torre e a cheminea. Mentres tanto, a capela está reformada do século XVIII, dentro das pautas estilísticas do barroco.

A fachada posterior domínaa unha ampla terraza con balaustradas graníticas e unha curiosa organización de accesos, pois intercala tramos quebrados en ángulo, rematados con esculturas de vasos, fontes e canles para xogos de auga. Todo isto realizado en granito galego e con similar inspiración a algunhas grandes escalinatas barrocas de Compostela.

A terraza é a solaina cuns bancos na parede e unhas portas que dan ao interior, comunicando co antigo comedor, de maneira que se o tempo acompañaba se convertía nunha prolongación das dependencias interiores. Ademais, actúa como nexo de unión co xardín.

Este último divídese en tres zonas: ornamental, hortícola e o arboredo. Uns e outros reflicten as distintas formas de aproveitar o terreo. Foi trazado a comezos do século XIX por un xardineiro francés, tomando como base o que xa existía, moito máis sinxelo. O labor de introdución de especies converten a este espazo de vexetación nun pequeno xardín botánico. A maiores, acolle tamén un pequeno embarcadoiro.

Os seus xardíns están abertos ao público en horario continuo de 9.00 a 21.00, durante os sete días da semana, mentres que o interior do recinto atópase pechado por reformas, malia que proximamente contan de poder abrilo.

TORRES DO ALLO. No Concello de Zas, o edificio está situado nun terreo no que hoxe en día existe unha explotación de maceiras. O exterior está rodeado de prados e piñeiros e chégase a el por unha estrada de falsos plátanos e carballos, finalizando nunha praza na que se atopa o portal de entrada ao recinto amurallado. No interior, este está composto por dúas torres de tres alturas unidas polo núcleo do edificio, de só dúas plantas. Destacan como elementos significativos desta edificación os escudos que aparecen nas torres e a cantería dos muros, perfectamente labrada.

A entrada, libre e de balde, ata o 15 de setembro está permitida desde as 11.00 ás 20.00, de luns a venres, e ata as 21.00, os sábados e domingos.

CASTELO DE VIMIANZO. Esta fortaleza medieval, situada ao pé da estrada que conecta A Coruña con Fisterra, ten forma poligonal irregular con catro torreóns orientados aos catro ventos. A torre, ao leste, ten unha pequena porta de acceso a nivel do patio pola que se baixa ao soto do torreón. Esta é a de maiores dimensións e conserva a cantería máis antiga. A máis alta está a sur, sendo a principal ou da homenaxe, que domina o acceso ao castelo. Dando ao patio, atópase unha edificación en forma de “L”, que se apoia nas murallas e torreóns norte e leste. Tódalas murallas do castelo están rematadas por elegantes ménsulas que soportan as ameas e permiten a existencia de matacáns. As últimas intervencións, sendo propiedade da Deputación da Coruña, proxectounas e dirixiunas o arquitecto Luís Gorozarri del Valle.

Desde hoxe, e ata o quince de setembro, estará aberto de martes a domingo en horario partido, de 10.30 a 14.00 polas mañás e de 16.00 a 20.30 polas tardes.

ECO-MUSEO FORNO DO FORTE. O Eco-Museo nace como resultado da necesidade de expoñer ao público a tecnoloxía e a maneira de vida tradicional dos oleiros de Buño. Este está formado polas antigas casas-taller, o forno, o “cabanote” (alpendre) e o “cabazo” (hórreo) de varias familias oleiras. O conxunto foi rehabilitado recentemente pola Deputación da Coruña, actual propietaria, que coidou cada detalle co fin de ofrecer ao visitante a posibilidade de retroceder no tempo e poder coñecer, non só como era a vivenda dun oleiro, senón tamén o seu oficio e a forma de vida dunha familia da década de 1950.

Este ofrece ao visitante unha visión única da vida tradicional, permitindo ademais a posibilidade de vivir a experiencia de traballar nun torno e elaborar unha peza de barro coas súas propias mans. Como complemento, habilitáronse varias salas de exposición dedicadas á agricultura e gandería, actividades complementarias da vida cotiá dun oleiro.

O seu horario é de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 de martes a sábado, mentres que o domingo só abre na quenda matinal, das 10.00 ás 14.00 horas. Os luns está pechado.

DOLMEN DE CABALEIROS. No municipio de Tordoia, está emprazado dentro dun peche de cachotería. Este patrimonio conserva restos da mámoa, que aparece cuberta de herba, e nos arredores pódense observar piñeiros de gran tamaño. Popularmente, é coñecido como “Casa da Moura” que, segundo as lendas, levou a tampa na cabeza dende moi lonxe mentres coas mans tecía un vestido. Actualmente, conserva seis chantas dunha cámara poligonal de tres metros e dez centímetros por dous metros e setenta centímetros, cunha altura dun metro e setenta centímetros. A lousa de cuberta, de case catro metros por tres metros e corenta centímetros, ten un grosor considerable. Ata o momento, non foi escavada, polo que en caso de existir o corredor atoparíase baixo a mámoa.

Ao estar situado nun espazo ao aire libre, pódese visitar tódolos días da semana e a calquera hora. Con todo, para aqueles que desexen unha visita guiada para coñecer a historia deste lugar, do 1 de xullo ao 30 de setembro, realízanse os sábados, domingos e festivos, das 11.00 ás 19.00.

BATÁNS DO MOSQUETÍN. Este é un interesante enclave de gran valor natural e etnográfico situado no concello de Vimianzo. Trátase dun conxunto de muíños e batáns, construídos á beira do Río do Porto, que aproveitan a forza da auga para moer o trigo e para golpear a lá. Non se coñece a data de construción, pero sábese que a mediados do século XVIII xa estaban en pé, debido a que aparecen mencionados no Catastro de Enseada (1753).

Os batáns apareceron en Europa durante a Idade Media e trátanse de construcións nas que por medio duns mecanismos denominados “folóns”, baseados no aproveitamento da enerxía hidráulica, golpéase o tecido ata conseguir unha peza compacta que ofrece unha mellor resistencia fronte ao frío e a choiva.

O conxunto do Mosquetín componse de dous edificios. No que está máis preto do río só hai muíños e no outro hai muíños e batáns. Están construídos a unha altitude superior á do leito fluvial que pasa ao carón, así que para o seu funcionamento foi necesaria a elaboración dunha represa dende a que se canalizou a auga, que debía mover os rodicios e facer traballar as “manlles”.

A finais dos anos oitenta, atopábanse en estado ruinoso, polo que a Deputación decidiu adquirilos no ano 1997, emprendendo unha restauración dos edificios e do contorno que hoxe se pode considerar modélica. Actualmente está aberto aos visitantes tódolos días de 10.00 a 20.00, con entrada de balde e mesmo coa posibilidade de realizar visitas guiadas con demostración do funcionamento destes instrumentos, malia que ten que permitilo o caudal.

TORRES DE ALTAMIRA. Construído no século IX, en Brión, sobre o que foi un castro celta, foi derrubado no século XIV polos Irmandiños e volto a construír en 1741. No pasado, tiña seis torres e unha muralla rodeando un suntuoso pazo, coa capela dos Reis Magos, onde eran soterrados os seus señores en magníficos panteóns. A partir do século XVII, os condes deixaron de habitar o castelo e a finais XIX foi empregado como “canteira” por varios construtores.

Na actualidade consérvase soamente unha moi derrubada estrutura consistente nun torreón (torre da homenaxe) con bóveda de canón e espingaduras abucinadas, a parede dunha cruxía na que se mantén unha portada gótica cunha fiestra oxival, o pozo do castelo, así como a base da fortificación dunha cantería propia do século XV.

Ao situarse no exterior, a visita a estes restos patrimoniais é libre tódolos días do ano.

DOLMEN DE AXEITOS. O monumento megalítico denominado “Dolmen de Axeitos”, en Ribeira, entraría de cheo dentro do tipo de xacementos denominados como cámaras poligonais con corredor intratumular.

Aínda que Axeitos non foi, polo momento, obxecto de escavacións arqueolóxicas, os resultados obtidos noutros de características moi semellantes, como Dombate (Cabana de Bergantiños) ou Forno dos Mouros (Toques), permiten reconstruír, aínda que de xeito provisional e achegado, o seu rexistro arqueográfico.

De modo sucinto, este monumento está constituído por un túmulo de preto de trinta metros de diámetro (actualmente moi desfigurado), seguramente recuberto por unha coiraza pétrea, que acolle no seu interior unha complexa estrutura arquitectónica conformada por cámara poligonal e, segundo tódolos indicios, corredor intratumular orientado ao sueste e diferenciado en planta e altura. Asemade, cabe supoñer a máis que probable existencia nesa mesma zona dun sistema de acceso tipo adro.

Ao igual que outros recursos patrimoniais, a súa presenza no exterior permite a visita libre en calquera momento.

CENTRO ETNOGRÁFICO DE TEIXEIRO. Este espazo acolle un centro de formación e interpretación ao redor do río Mandeo e a súa ribeira. Este lugar para visitantes ofrece unha función formativa, a través de aulas, cursos e talleres; e divulgativa, mediante o centro de interpretación, no cal se poñen en valor o patrimonio cultural e etnográfico da conca do Mandeo.

Nel ofrécense visitas didácticas, especialmente orientadas a mozas en idade escolar. No seu interior, conta cunha museografía moderna e interactiva posta ao servizo do público que, mediante a observación e a experimentación, poderá aprender por si mesmo.

Así, abre de martes a venres en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00, mentres que a fin de semana faino das 10.00 ás 13.00. Os luns pecha.

CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA NATUREZA. O Centro de Interpretación da Natureza de Coirós é un punto de referencia para o coñecemento natural e ambiental da conca media do río Mandeo. Situado no lugar de Chelo, trátase dun enclave situado ao pé do Monte da Espenuca, que foi declarado paisaxe pintoresca e que destaca pola súa variada vexetación autóctona. Este espazo ofrece unha exposición permanente interactiva de gran interese para os visitantes.

Actualmente tan só abre as súas portas os venres, sábados e domingos, cun horario partido das 10.00 ás 13.00 e das 16.00 ás 19.00 horas. Os días restantes, ademais dos festivos, está pechado.

Para visitar estes recursos patrimoniais da provincia, a Deputación da Coruña ofrece servizos de atención a visitantes totalmente de balde. A maiores, os interesados en visitar estes museos ou restos arqueolóxicos poden atopar información adicional sobre eles no Servizo de Patrimonio e Contratación provincial ou nos teléfonos de contacto do ente coruñés. Asemade, na páxina web indicarase o aforo máximo de cada centro en cada momento.

17 jun 2020 / 01:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito