Tordoia ofrece as axudas máis altas ós estudantes

Transporte
Alba Prada
As axudas ao transporte escolar serán de 500 euros

Tordoia. “Imos ofrecer as axudas máis altas dentro dos concellos coruñeses”. Así o confirmou a este xornal o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, que indicou que en total investirán 21.000 euros, procedentes na súa totalidade de fondos propios.

As becas consistirán nunha axuda de 500 euros para desprazamento, dirixida aos estudantes de Bacharelato e ciclos formativos homologados de grao medio ou superior. “O autobús suponlles ao ano uns 800 euros, polo que xa sufragan gran parte”, sinala o rexedor. Asemade, o goberno local dará tamén subvencións para material escolar, neste caso tamén a todos os nenos e nenas que cursen Infantil, Primaria e Secundaria.

As familias interesadas en recibir estas becas deberán presentar a solicitude (que pode descargarse a través da páxina web municipal) no Rexistro Xeral do Concello de Tordoia (ou tramitala por calquera das formas previstas no Art. 16 da Lei 39/2015). Hai ata o vindeiro día 23 para facer a inscrición e a listaxe provisional será publicada no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web, establecendo un prazo de 3 días para reclamacións. a.pRADA