dun parque cuberto

Obras
Alba Prada
Pola esquerda, José Manuel Iglesias, Antonio Pereiro e Natalia Prieto no parque. Foto: Xunta

O municipio de Tordoia conta por fin co primeiro parque infantil cuberto, para que os pequenos poidan desfrutalo tamén cando chove. Ata o momento, segundo explica o rexedor Antonio Pereiro, a vila contaba cun parque ao lado da piscina e outro no colexio. Agora, súmase un novo que estará ubicado na área de servizos, ao lado do ximnasio municipal e do Punto de Atención á Infancia (PAI).

O resultado desta actuación, que contou cun presuposto de 34.000 euros e que estará rematada a vindeira semana (prevese inauguralo a mediados de novembro), comprobouno onte a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, que estivo acompañada polo alcalde e polo presidente de Galopín Parques, J. Manuel Iglesias. Segundo indicou a directora xeral, o Concello solicitou esta axuda co obxectivo prioritario de “continuar prestando os debidos servizos aos cidadáns en condicións de calidade que satisfagan as súas necesidades”. Como resultado creouse un parque infantil no lugar de Pontepedra, cunha superficie de 185 metros cadrados.

Durante a súa visita, Natalia Prieto, destacou a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local, “que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza, xa que grazas a estas axudas, os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns e que non se poderían levar a cabo en moitas ocasións se non fose pola colaboración entre Xunta e concellos”, asegurou.

O executivo de Tordoia nos últimos dez anos ten recibido axudas da Vicepresidencia por máis de 450.000 € destinados a proxectos beneficiarios da Orde de Infraestruturas, do Fondo de Compensación Ambiental, ademais de ter acadado o 1º Premio dos Premios Coopera cun proxecto presentado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.