Tordoia reuniu a máis de 600 veciños na súa Festa da Terceira Idade

Festa
Alba Prada
O Trío Alborada encargouse de amenizar a tarde. Foto: C.T.

Tordoia. O Concello de Tordoia volveu celebrar a Festa da Terceira Idade e fíxoo cunha celebración por todo o alto á que acudiron nin máis nin menos que 670 veciños. O festexo, ao que se puido acudir de balde, desenvolveuse na explanada situada xunto ao campo de fútbol da Rega en Pontepedra.

Tras celebrar a misa e antes da sesión vermú, o alcalde Antonio Pereiro tivo unhas palabras de agradecemento para todos os presentes e desexoulles un día de festa cheo de diversión. Posteriormente, entregouse un agasallo conmemorativo aos asistentes maiores de 90 anos, que recibiron unha recreación en barro do dolmen de Cabaleiros. Ao resto da veciñanza outorgóuselle un chaleco reflectante co escudo da vila para camiñar de forma segura.

Despois do xantar, que consistiu en empanada, polbo á feira, carne ao caldeiro e postre, o Trío Alborada amenizou a tarde. A.P.