Touro xa ten novo parque no campo da festa de Fonte Díaz

Parques infantís
Alba Prada
Imaxe do novo parque infantil que se estreou no campo da festa de Fonte Díaz. Foto: C.T.

Touro estreou un parque infantil no campo da festa, no centro de Fonte Díaz. Trátase dun proxecto que tivo un custe de 33.556,31 euros e que se puxo en marcha con fondos propois e cunha importente axuda do GDR Ulla-Tambre-Mandeo. Esta nova área de lecer, baixo o título ‘Aprendo xogando’, busca o xogo formativo entre a cativada. E é que segundo explican fontes municipais, ademais de contar cos elementos propios dun parque infantil, “este espazo introduce unha serie de paneis didácticos que pretenden formentar a coeducación, os xogos populares e de socialización”. Tamén impulsa o coñecemento e a relevancia do propio territorio onde está ubicado o mesmo. De feito un dos paneis descobre os tesouros do municipio e os seus puntos de interese, que se deben situar no mapa do Concello. O espazo tamén inclúe unha actividade de sopa de letras e de asociación.

Asemade incorpora dun xeito lúdico paneis que promoven a educación para a saúde e o coidado do medioambiente. Dende o Concello de Touro lembran que esta iniciativa serve para que os nenos e nenas “aprendan cando están xogando, ademais de potenciar o cuidado do noso entorno e de apostar pola reciclaxe”. Esta área de lecer inclúe outro gran cartel que lembra as tres prioridades que hai que ter en conta para protexerse da COVID: mans limpas, distancia social e levar máscara.

Dende o goberno local animan aos cativos e cativas do municipio a desfrutar deste novo e orixinal parque que reúne xogo e educación durante as vacacións de Nadal, pero iso si, sempre con total seguridade.