Últimos días para colaborar no calendario fradense 2023

Calendario
Claudina Estévez
Unha das imaxes coas que o Concello ilustra o cartel que anuncia a recollida de fotos antigas. Foto: C.F.

Frades. O Concello de Frades lembra que os veciños e veciñas que teñan fotos antigas aínda están a tempo de envilas para elaborar o calendario 2023. Para o almanaque que vai editar o goberno local serven fotos tiradas na escola, primeiras comuñóns, vodas, excursións, festas, retratos, oficios ou na emigración.

Para participar hai que enviar as fotografías aos correos correo@frades.gal ou museofrades@frades.gal. Tamén se pode contactar no teléfono: 981 695 567 ou pasar pola casa do concello.

No caso de ter imaxes orixinais en soporte papel, desde o goberno local indican que pasan a recollelas e logo escanéanas e devólvenas o mesmo día. Asemade lembran a importancia de gardar a máxima información da foto para así realizar a súa datación e saber do lugar onde quedou inmortalizado ese instante.

“Como sabemos, as fotografías antigas son testemuños de gran valor histórico e unha das mellores formas de ilustrar o paso do tempo. É por iso que pedimos que busques nos álbums, nos caixóns, nos sobres, que remexas pola casa buscando fotografías coa intención de darlles vida e recuperar a memoria común de todos os veciños e veciñas do concello de Frades”, indican fontes municipais. c.e.