Xenerosa subvención ás entidades sen ánimo de lucro da vila fradense

O importe é de 30.000 euros e as solicitudes teñen que presentarse antes do 24 de xuño
Axudas
Alba Prada
Imaxe da entrega das axudas que se fixo en 2019, a última presencial. Foto: C. Frades

Frades. O Concello de Frades vén de convocar axudas económicas a entidades culturais, deportivas, asociacións de veciños e calquera outra entidade de interese social que fomente a participación cidadá na vida municipal.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro do Concello de Frades antes do vindeiro 24 de xuño. As bases e os impresos de solicitude poden descargarse do BOP de onte ou na web municipal.

As axudas, que contan cunha partida económica de 30.255 euros, están dirixidas a asociacións con ou sen personalidade xurídica, sempre que carezan de fin de lucro, estean inscritas no Rexistro de Entidades ou Agrupacións do Concello de Frades, desenvolvan as súas actividades no termo municipal da vila, estean ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias co Concello e non teñan pendente de xustificar ningunha subvención anterior concedida polo goberno.

O importe das axudas, que poderá alcanzar ata o 100 % dos gastos, servirá para subvencionar os gastos derivados do transporte, obras e melloras de bens inmobles, gastos de funcionamento, traballos realizados por voluntarios non remunerados, parques biosaudables ou aparellos de ximnasia.

Asemade, segundo indican fontes municipais, este ano tamén se van subvencionar as obras para adaptar os locais sociais con medidas de protección contra a COVID e a adquisición de material de protección e hixiene. A.P.