A Catedral: patrimonio cultural e humano de Compostela

Por Xosé Sánchez Bugallo, Alcalde de Santiago de Compostela
Especial Catedral
José Sánchez Bugallo

O xérmolo do culto ao Apóstolo Santiago nace para o mundo co achádego do seu sepulcro. A data non está clara, para algúns investigadores é o 813, e outros sitúana entre o 820 e o 830. Houbo que esperar máis de 200 anos para que se inicie a construción da Catedral Románica, no ano 1075, sendo rei Alfonso VI e bispo Diego Peláez. Unha Catedral que se engrandece cos anos, como a tradición xacobea, como os diferentes Camiños de Santiago.

A construción e consolidación da Catedral tal e como hoxe a coñecemos avanza ao longo da Idade Media, do Renacemento e da época moderna, paralela á trascendencia espiritual e cultural do Camiño de Santiago; a porta que durante moitos anos nos uniu coa ciencia, coas novas ideas e coa cultura; en definitiva, a porta de entrada á modernidade.

Pero esta Catedral, que convoca a fieis de todo o mundo, garda no seu interior innumerables misterios. A cidadanía de Santiago sabe que detrás desa fachada agóchanse multitude de segredos que nunca serán revelados. E senten amparo, paz interior e confianza. Esas capelas, altares e santos escoitaron miles de linguas de diferentes países, e experiencias de vasalos, artesáns, comerciantes, nobres e reis. Foron testemuñas de conversas históricas, de obscuras confesións, de angustia, de desalento, pero tamén de confianza e de ilusión.

Todo ese caleidoscopio de sentimentos, que noutrora tiveron nome e apelidos trascende o meramente espiritual. Son historias que tamén forman parte do legado catedralicio, xunto ao Pórtico da Gloria, o Códice Calixtino, o Panteón Real, a capela da Corticela, e o resto de tesouros da basílica. Porque, en contra do que parece, non son un legado anónimo. Transmítense de xeración en xeración, de pais a fillos, entre veciños, entre amigos e ata entre estraños, nutrindo á Catedral de humanidade; e fan que cidadanía, peregrinos e visitantes atopen nos seus espazos un refuxio multicultural, de tolerancia, de diversidade, e de reencontro individual.

Envolvidas no silencio da catedral e no cheiro a incenso, esas historias transfórmanse en esperanza nas persoas, no ser humano... Son un sinal de identidade enraizado na imaxe de Compostela e no Xacobeo que se transmite por todo o mundo. E contáxianse á cidadanía que ofrece a súa hospitalidade aos milleiros de peregrinos e visitantes que chegan de todos os continentes, cada un coa súa inquedanza, co seu rogo, co seu soño particular. Nace aí o sentimento de compostelanía, que identifica a toda unha cidade e que entronca co carácter universal de Santiago de Compostela.

Podemos dicir que a Catedral é o corazón de Santiago. Un corazón que, coas actuais reformas, loce renovado e preparado para abranguer novas historias, novos soños... Preparado para seguir escribindo a historia dunha Cidade Santa á que, persoas de todos os recunchos do mundo, miran con fe, con ilusión, e coa seguridade de que nas súas rúas, nos seus monumentos e na súa Catedral, se atoparán a sí mesmas.