Actualidade orzamentaria

Firmas
María do Carme García-Negro

NESTE tempo, debátese sempre sobre ingresos e gastos públicos, sobre a débeda, sobre execución orzamentaria... É curioso como o representante do goberno galego se gabe de logros utilizando os dados estatísticos de forma conveniente. Os efeitos do poder permeten situar as “súas” cifras nos medios de comunicación máis influentes. Nesta ocasión escoitamos, e ao pior permanece como feito, fachandear de que a Galiza foi a Comunidade Autónoma onde houbo un menor crecemento da débeda pública, en comparación con outras comunidades autónomas: non é certo.

Esa comparación non di nada en si mesma, por dúas razóns básicas: non se menciona o ponto de partida, é dicer, o monto en valores absolutos da débeda coa que se compara, e unha comparación de tendencias en cifras relativas de crecemento é unha comparación de non homoxéneos. (Quen ousa, sen facer o ridículo, comparar o crecemento alemán co de Luxemburgo ou o luso co chinés?). Soltar unha cifra en sede institucional semella que dota de realidade á utilización perversa do suposto dado. Idénticos titulares nos medios de comunicación fan pensar que existen acordos previos entre as empresas, asi como certa ansia por agradar ao poder político.

Agora destácase o que se vai investir en obra pública, a gratuidade do ensino infantil, e nada sobre a débeda pública galega, que é un verdadeiro problema. A débeda pública galega é grande: debemos 12.071 Millóns de euros, o que significa o 20’12% do noso PIB, cuns gastos orzamentados de 99,5 Millóns de euros, máis da metade dos gastos da Consellaría do Mar. A maior parte é débeda bancaria (5.073 M contraída con banca española e 1.078 M con banca extranxeira); ao Estado español debemos 3.568 Millóns de euros, e en bonos o goberno galego ten colocado 2.000 Millóns. E xa postos a comparar, neste caso, o legado do bipartito -que tanto se luxou durante anos e anos -é un exemplo á contra: o bipartito deixou unha débeda de 4.859, é dicer, sen mirar cara fóra, este goberno multiplicou o tamaño da débeda por 2,5 veces. Non obstante, hai aínda un aspecto que vai máis alá do estritamente financeiro/orzamentario.

Desde a perspectiva económica xeral dun país, é fundamental coñecer e valorar en que se gasta o monto de fondos que proceden da débeda pública, xa que é moi diferente o resultado de se endebedar para gastos correntes, obra pública de infraestrutura necesaria ou para emprego en investimentos directamente produtivos. Así mesmo, a análise do rol da débeda publica na política económica dun goberno debe incorporar o exame da conduta económica a respeito da débeda anterior, da xestión da mesma e dos resultados en eficiencia económica e crecemento.

É completamente distinto empregar débeda pública para gastos en infraestrutura non estritamente requeridos, como dous portos exteriores, tres aeroportos, numerosos edificios absolutamente inúteis (hai tantos casos que non merecen a cita), que levar a cabo un endebedamento para consolidar, con investimento público participado, un proxecto industrial que xere directamente renda en forma salarial, en beneficios, e, por tanto, capacidade nova, mesmo en ingresos fiscais.

Tratar da débeda referíndose só á comparación con outros, sen máis, é como non dicer nada.