Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MARÍA DO CARME GARCÍA-NEGRO // Doutora en Economía

As heroínas do confinamento

A CELEBRACIÓN DO DÍA DA PATRIA GALEGA DESTE ANO 2020 vén tinxida das cores do confinamento de tres meses que sofremos por mor da pandemia. O estado de alerta puido servir para amosar certas realidades que antes quedaban ocultas para o público en xeral. Os meios de comunicación fixéronse eco e difundiron as condicións de traballo e de entrega dos traballadores da sanidade. De feito, e debido á explosión concentrada da pandemia, quedou en evidencia como, nalgúns casos, o traballo, en lugar dunha tarefa sanitaria, parecía un servizo de guerra: mesmo unha guerra na que eran escasas as armas.

Mais houbo outras heroínas: as coidadoras nos fogares das persoas dependentes que de súpeto se viron na obriga de atenderen os confinados en calquer das condicións posíbeis, non foron recoñecidas nen cunha cita nos meios de comunicación. As labregas, gandeiras, carniceiras, transportistas, cociñeiras que sen nome de heroínas cumpriron co traballo diario de mantemento das explotacións agrarias e todo o tecido produtivo asociado garantindo a subministración de alimentos. As mulleres activas nalgún dos segmentos do sector pesqueiro, desde a produción directa (extractivo) até as de fábricas de conserva e transformados que traballaron a un ritmo acelerado para que non faltasen alimentos da pesca nos estabelecementos do ramo.

As mestras que supriron coa súa dedicación a falta absoluta de meios e protocolos nun ensino desaparecido das aulas. As panadeiras que a pesar da propaganda/moda de facer pan no fogar, traballaron sete días de cada semana para que non faltase o pan en hospitais, lares e centros públicos. As repartidoras de todo tipo, incluíndo xornais, vendedoras, empregadas de mercados de alimentos. As traballadoras das residencias de anciáns cun valor -na guerra particular que sofreron- demostrado moito máis alá do que é esixíbel. En fin, na parte máis pretendidamente moderna da economía, aquelas mulleres que teletraballando combinaban como podían horario, espazo e paciencia con fillos confinados e probabelmente cun compañeiro tamén confinado: o teletraballo en familia debeu ser magnífico nunha vivenda de 90 m2 con dous nenos -con clase on line- e outras dúas estancias con ordenadores e servizo (fluído?) de telecomunicación.

A desigualdade social entre os distintos sectores sociais, aínda dentro da clase dos traballadores, fíxose moito máis aguda no confinamento, e parecían presupoñer que nas vivendas hai servizo incorporado de atención aos residentes: léase as mulleres. Aseveramos que as medidas tomadas para proporcionar servizos no confinamento agudizaron a desigualdade. As condicións das vivendas e as dotacións constituíron condicións de partida para acceder á información e á comunicación imprescindíbeis nesa situación. Esas condicións de partida foron nuns casos un atranco insuperábel para garantir o acceso ao ensino de nenos confinados sen meios, sen axuda familiar e cunhas redes de telecomunicación creadas para veren os debuxos animados. Por certo, botouse en falta un uso dos meios públicos de comunicación para algo máis que para propaganda e divertimento. Ben puideron ser utilizados para impartir a través das canles existentes, en horario de 24 horas, clases, xa que o televisor está por toda a parte.

As heroínas foron e seguen a ser moitas máis mulleres que as de bata branca, sen botar enriba das citadas nada parecido a un demérito. Agora queda - e algo se puido aprender- axudar a converter as heroínas en traballadoras con condicións de traballo dignas, só porque, mellorando elas, mellora a sociedade de todas.

  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito