A Senén Barro Ameneiro, catedrático de computación e intelixencia artificial e ex reitor da USC

Cerebros de deseño, naves máis aló de orión

Caetano Díaz
Ilustración: JOSÉ LUIS ESTÉVEZ

Cólleme o seu Premio Nacional de Informática, don Senén, flipando con Harari. Recomendoume Car-los Luis Rodríguez, coloso do mellor columnismo, que lle entrase ás 21 leccións para o século XXI e aí estou a flipar cos arcanos da IA, xa lle digo, a intelixencia artificial que, di o historiador de moda, enfróntanos aos máis grandes desafíos que a humanidade nin sequera imaxinou, dacabalo da fusión da biotecnoloxía coa infotecnoloxía. Mimá!

Paréceme a min un recoñecemento acaído o que lle fai a Fun-dación BBVA a un científico que busca respostas aos problemas deste mundo que avanza de crise en crise. Tal como o vexo eu, profesor Barro, o que singulariza o seu traballo no CiTIUS, ese excelente think tank tecnolóxico da Universidade de Santiago, é o verniz humanista. A súa obsesión é que ese cento de investigadores que dirixe lle traslade á sociedade os seus descubrimentos, que sexan útiles.

Falando da utilidade, permítame que volva á IA, a ferramenta que converte o mundo de Asimov nun xogo de nenos e que se apodera xa do noso presente –“por primeira vez estase usando como unha tecnoloxía madura e de modo intensivo”, dixo estoutro día vostede, a propósito de como nos axuda a entender e combater a pandemia–, e déixeme preguntarlle se alguén capaz de ver naves en lapas máis aló de Orión comparte as profecías de Harari sobre os cambios no sistema democrático, a revolución da cadea de bloques e a nova ditadura dos algoritmos.

É certo, don Senén, que deixaremos de entender o pouco que aínda sabemos das finanzas, pero a cambio aprenderemos a deseñar cerebros, a alongar a vida e até a volatilizar pensamentos á nosa discre- ción? En poucas palabras, proporcionarannos a biotecnoloxía e máis a infotecnoloxía o poder omnímodo de manipular o noso mundo interior e de remodelarnos?

Polas cousas que lle leo, ex reitor magnífico, non é vostede tan radical como o escritor israelí. Sostén el que quizais a revolución tecnolóxica expulse axiña do mercado de traballo miles de millóns de persoas e cree unha nova clase inútil na que ferverá o caldo de revoltas sociais e políticas que ningunha ideoloxía saberá, ai!, como manexar.

Fronte tan inquietante distopía, quedo co seu fino sentidiño, profesor Barro: a automatización intelixente será boa se apostamos pola innovación tecnolóxica, se aprende- mos a compartir, se actuamos respectando parámetros baseados no ben común, se blindamos a ética con leis razoables de bigdata. É unha fermosa receita, pero permítame outra pregunta máis: será posible? Para-béns polo premio. Siga con saúde.