Cinco presidentes

Luis Pérez
Albor e Feijóo, primeiro e último presidentes da Xunta de Galicia

GALICIA tivo cinco presidentes nos 40 anos de autogoberno. A partir da semana que entra, Rueda será o sexto tras a toma de posesión o vindeiro sábado. Antes de 1982 houbo dous presidentes preautonómicos, Rosón e Quiroga, dunha Xunta provisional e sen apenas competencias máis aló de preparar o terreo para cando se aprobara a Constitución das autonomías. Rosón, tamén primeiro presidente do Parlamento, foi unha figura salientable na etapa da Transición española, con clara vocación autonomista. E se nos deixáramos tentar polo relato nacionalista catalán, que considera a Aragonés como o 132 presidente da Generalitat, seguramente lles superariamos en número. Eles comezan a contar en 1359 mentres que en Galicia poderiamos remontarnos ao Século V, cando os suevos se estableceron na Gallaecia.

O autogoberno en Galicia comezou en 1982 con Albor de presidente (1982-87). Naceu con moitas dúbidas e incertezas, como reflectía a escasa participación nos procesos electorais. Aos poucos, a cidadanía tomou conciencia da importancia das novas institucións, ata o punto de que pasamos de ser un dos territorios máis abstencionistas de Europa a figurar entre os de maior índice de votación. A asunción de competencias fixo que en pouco tempo a administración autonómica fose a de maior influencia sobre a vida das persoas. A moción de censura que puxo fin ao seu mandato non deixou de ser unha mostra da importancia da Xunta e do que xa significaba, un poder polo que valía a pena arriscar. Outras consideracións ao respecto xa foron amplamente abordadas, no seu momento e posteriormente, polo que non entro.

A curta estancia de Laxe (1987-1990), pouco máis de dous anos, significou a alternancia, outras formas de facer política e aínda que o PSdeG lograría os mellores resultados da súa historia non foron suficientes para superar os efectos do boicot soterrado do goberno amigo de Madrid e da poderosa figura de Fraga, quen reinou comodamente ata o 2005. Chegaba a etapa das grandes infraestruturas e na que se puxo a Galicia no mapa do mundo. A conversión de Fraga ao galeguismo na súa versión máis popular, chegando a falar mesmo de autoidentificación, disipou receos e conduciulle a amplas maiorías consecutivas durante tres lustros.

A alternancia chegou con Touriño (2005-09) á fronte dun bipartito que levantou esperanzas e expectativas, pero cuxas desavinzas internas e a crise económica cara ao final do mandato provocaron a perda de confianza do electorado. Sobre a etapa de Feijóo, dicir que os cidadáns viron sempre máis luces que sombras, sendo o primeiro dos cinco presidentes galegos que deixa o cargo voluntariamente.

Como resumo de resumos, considero positivo para Galicia o balance destes 40 anos no, así como de cada un dos seus cinco presidentes. Do sexto, xa veremos.