Críticos da modernidade

Firmas
Salvador García-Bodaño

NON se pense que sen motivos, os teóricos críticos sospeitaban que na “versión” e como encarnación das prácticas políticas da modernidade, se atopa o resultado que realmente conta, a sociedade construída e manexada racionalmente. Sospeitaban que as aspiracións, os desexos e os obxectivos individuais, o vis formandi e a libido formandi individuais, a tendencia poiética a crear novos significados alleos á función, o uso e o propósito non son máis que unha variedade de recursos, ou xustamente por iso, obstáculos no medio do camiño. A única “totalidade” recoñecida e aceptábel para a maioría dos filósofos da escola crítica era a que puidera emerxer das acciones de individuos creativos e con liberdade de elección.

O poder público presaxia a incompletude da liberdade individual, máis a súa retirada ou a súa desaparición presaxian a impotencia práctica da liberdade oficialmente vitoriosa. A historia da emancipación moderna virou dende a confrontación co primeiro deses perigos cara ao enfrontamento co segundo. Isaiah Berlín podería dicir que unha vez que se ten loitado pola “liberdade negativa” ata obtela, os mecanismos precisos para transformala en “liberdade positiva”, ou sexa, a liberdade de fixar a gama de opcións e o programa que esas eleccións deben seguir, fixéronse anacos. O poder público perdeu grande parte do seu sobrecolledor poder de oprimir, aínda que tamén perdeu boa parte da súa capacidade de posibilitar. No que se entende por actualidade, toda liberación verdadeira demanda máis, e non menos, ”esfera pública” e “poder público”. Agora seica é a esfera pública a que precisa, desesperadamente, ser defendida contra a invasión do privado para ampliar a liberdade individual, e non para acernala.

O traballo do pensamento crítico é sacar á luz os moitos obstáculos que entorpecen o camiño cara a emancipación. Tendo en conta a natureza das tarefas actuais, os principais obstáculos que deben seren examinados axiña se relacionan coas crecentes dificultades que se dan para traducir os problemas privados a problemáticas públicas, para galvanizar e condensar os problemas endemicamente privados baixo a forma de intereses públicos que sexan meirandes que a suma dos seus ingredientes individuais, para recolectivizar as utopías privatizadas da “política de vida” de xeito que estas volvan seren visións dunha “sociedade boa” e dunha “sociedade xusta”.

Cando a política pública cede as súas funcións específicas e a política de vida asume o mando, os problemas aos que se enfrontan os individuos de jure nos seus esforzos por se converteren en individuos de facto resultan claramente non-aditivos e non-acumulativos, deixando daquela á esfera pública sen outra actuación que a de ser o escenario onde se confesan e exhiben as preocupacións privadas. Neste senso, a individualización non só resulta ser un camiño de ida, senón que semella destruír ao seu paso tódalas ferramentas que poderían concibírense para o logro dos seus obxectivos.