Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
SALVADOR GARCÍA-BODAÑO ZUNZUNEGUI / Poeta e académico da RAG

As palabras dende o esquecemento

A memoria tende a se esvaecer no tempo e, xa no transcorrer destes meus oitenta e cinco anos, o pasado vai enchéndose de néboas que afectan aos recordos, máis ou menos extensas e profundas, pola difusa vaguidade do arraigo das lembranzas que xa non permite reter na mente esvaecidas vivencias e presenzas. A realidade existencial vai desaparecendo e faise difícil poñerse a intentar rememorar o que xa é, na maioría das veces, algo a se perder no esquecemento. Intentarei, porén, evocar algunha recordación para este extraordinario acto da celebración da edición, impresionante, do exemplar 50.000 do histórico xornal EL CORREO GALLEGO.

Dende a miña atracción polas letras e as artes, comecei a iniciar algunhas publicacións no diario da Editorial Compostela, logo de recibir os premios das Festas Minervais. Penso que o meu primeiro texto nel publicado, aínda editado en castelán, foi un poema dedicado a unha amiga estudante en Compostela titulado “Caminando sobre pisadas”, datado en 1959, e no outono dese ano (empregando xa para sempre a nosa lingua galega) unha elexía de silencio a Cabanillas morto. Naquela continuidade de ir levando distintos premios en diversos certames poéticos, polos anos 1962 e 1963, estando xa de director de El Correo Gallego Raimundo García Dominguez (Borobó), iniciei frecuentes colaboracións na páxina de Artes e Letras do diario La Noche, compañeira inseparábel de EL CORREO GALLEGO na mesma empresa, fundamentalmente do tipo de entrevistas realizadas a destacadas figuras do mundo da arte, da literatura e da cultura en xeral.

No 1964, invitoume a facerme cargo do posto de Corrector de Probas, deixado polo profesor Benito Varela Jácome, asemade encargoume que no seu despacho, cando el alí non estivera, levara conta do abundante correo postal e envíos dos diversos escritos recibidos e llelos preparase enriba da mesa. Neste senso fáiseme presente unha anécdota ocorrida un día no que enriba do escritorio me atopei cunha serie de cartas con sobres iguais sen abrir pertencentes a un mesmo remitente de A Coruña (cuxo nome me reservo) e cando chegou o admirado amigo Borobó pregunteille que tiña que facer con aquel correo. El, despois de dubidalo un pouco, díxome: “Mira, García-Bodaño, si me fas o favor ponmos por orde de datas e véteos abrindo e léndomos”. Asombrado pregunteille que porqué el non o tiña feito e contestoume que el coidaba que aquel individuo era un gafe e se lle tocaba aos papeis que lle mandaba a el podían traerlle mal agoiro. Eu calei e fixen o que me pedía.

Naquela época eu estiven moi satisfeito entre o cualificado equipo xornalístico de EL CORREO GALLEGO. Despois deixei o diario porque tiven ocasión de pasar a ser, en 1964, delegado dunha ampla zona hispana para unha empresa norteamericana deica 1974. Nese tempo, polos anos 1968 e 1969, cun grupo de amigos galeguistas creáramos unha páxina cultural semanal artística-literaria nunha páxina El Correo Gallego cando era xa o director desta cabeceira o xornalista internacional Ramón Luís Acuña. Nos anos seguintes, entregado a actividade comercial e a sumirme na lectura e na creación literaria, estiven bastante apartado da escrita na prensa ata que un día, que non esquecerei endexamais, me atopei na compostelán praza de Cervantes co distinguido amigo e eminente periodista José Manuel Rey Nóvoa, dende hai anos director de EL CORREO GALLEGO con anovadores proxectos xornalísticos. Logo de charlarmos un pouco, moi amabelmente me dixo que porqué non colaboraba habitualmente no diario. Eu moi agradecido contesteille que o pensaría. E aceptei como para retornar a tempos pasados cun artigo semanal dende aquel ano 1991. O sentimento que entón experimentei foi algo así como o de volver a entrar en casa logo de andar polo tempo.

Dende aquela data fun reunindo unha selecta escolla de moi diversos artigos publicados en EL CORREO GALLEGO ata 1993, e editados logo, en colaboración co Consorcio de Santiago, baixo o título (co que se designaba o nome da miña columna no diario) “De onte a hoxe”, integrando a colección Biblioteca Literaria Compostelana, e facéndose constar que: “Esta edición, na que se recollen artigos de prensa de Salvador García-Bodaño editados en EL CORREO GALLEGO é unha referencia vital de Galicia vista desde o ollo crítico dun home de letras, observador imparcial de canto lle rodea, sensible e pulcro”. Dende aquel entón, a columna pasou a se denominar coa cabeceira “No pasar dos días”. E nesas estamos.

16 jun 2020 / 01:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito