E haberá que volver a dicir que chove

Luis Pérez
O Estado vai soportar case a metade dos ingresos da empresa da AP-9 Foto: Almara

ESTOU convencido de que o Goberno, polo menos a parte do PSOE ou un cachiño da parte do PSOE, ten dous proxectos de orzamentos para o ano próximo: A e B. O primeiro, para a galería, foi o presentado ao Tip y Coll esta semana. O outro, oculto como todo o que non convén que se saiba, agóchase: é o B. Este é o realista, o que recolle un futuro negro, o provir que nos espera. Teño dúbidas en que lado do Goberno está Sánchez. Seguramente nun pola mañá e no outro pola tarde, naquel que lle conveña para bunkerizarse na Moncloa. E non o precisa, pois non corre ningún perigo. Neste momento, coa que cae e mentres non escampe, a ninguén lle interesa a cadeira.

Do que non cabe dúbida é das intencións do presidente sobre Galicia. Castigo pola terceira e última praza socialista nas autonómicas? Non, antes diso quedaron xa plasmadas no seu primeiro intento de orzamentos para 2019, afortunadamente abortado. Pero agora ratifícase coa proposta para o próximo ano. Poderá vestirse como se queira, xustificar o inxustificable, pero os números cantan. Cun incremento global de case o 20 por cento sobre o presuposto vixente a Galicia redúcenselle os investimentos territorializados o 11,2 por cento. Este é o dato. A peor cifra nos últimos 15 anos.

Claro que pode ter unha explicación, pero o dito ata o momento non é de recibo. Resulta unha tomadura do pelo apelar ao fin das obras do AVE. En primeiro lugar porque xa deberían estar rematadas e en segundo porque quen goza do tren veloz desde hai máis anos (Andalucía e Cataluña) son as máis beneficiadas. Queda por acometer o corredor cantábrico, a rede interna, o acceso aos portos, a Vigo sen reviravoltas... Por outra banda, moitas das partidas que se anuncian son de obras que, con anteriores orzamentos, deberían estar finalizadas. Como a autovía Lugo-Santiago ou a ligazón orbital da capital galega. Son débedas pendentes, non achegas novas.

O caramelo é a AP-9. O Goberno comprométese a financiar con máis de 50 millóns ao ano á empresa concesionaria para eliminar unha tarifa (Redondela-Vigo) xa acordada en tempos inmemoriais (de Rajoy), descontos selectivos e a anulación dalgúns incrementos. Aténdese, en todo caso, unha demanda unánime do Parlamento galego, aínda que non a transferencia da titularidade. Un feito histórico para Pontón, a líder do BNG. Máis relevancia ten para min a evolución ideolóxica do nacionalismo, que da “navallada” inicial pasa a bendicir agora que o Estado achegue case a metade dos ingresos dunha empresa de capital maioritariamente estranxeiro despois de reclamar a súa nacionalización. Cecáis seña o momento de dar un paso máis.

En fin, estase a tempo de evitar o castigo a Galicia nos orzamentos. De non logralo haberá que resignarse para volver dicir aquilo de “... e hai que dicir que chove”.