Enfermeiro saturado e liberdade de expresión

Firmas
María do Carme García-Negro

DESPOIS da dictadura entre as liberdades que considerabamos de primeira orde estaba a liberdade de expresión. Pasados uns anos comprobamos tristemente que hai presos por uso da súa liberdade de expresión (é dicer usar a palabra para manifestar desapego, bulra, sátira ou escarnio de símbolos, non de persoas), comprobamos que a liberdade de réplica persoal por falsedades publicadas en prensa ou noutros medios de comunicación é moi reducida e suxeita ás artes de interpretación fusileira de normas, comprobamos que non hai direito válido para os ataques á honra e dignidade persoal cometidos nas chamadas redes sociais: profesionais públicos que son denigrados, obxecto de desprezo, maldicencia e aldraxe e non logran parar, evitar ou repoñer o seu direito á propia imaxe e dignidade.

Comprobamos que hai tamén un acceso controlado aos medios públicos e privados de difusión por razóns económicas e de dirección do negocio que se acollen a unha liña de publicación baseada na liberdade de empresa e negocio e non no direitos dos grupos sociais sen voz –nesas empresas– a se dar a coñecer (este aspecto obedece á lóxica do negocio pero non á lóxica social do comunicador).

Coñecemos como a extensa rede da política cultural subvencionadora en interese dos partidos políticos, controla os fondos públicos en función deses intereses partidarios de forma e maneira que hoxe o poder non paga nunca nada equivalente aos bufóns do rei, só aos turiferarios do Rei. E só ocasionalmente, en arte singular, atopamos valentemente(en comparación coa conducta ordinaria) contribuír á produción de obras do presente, sumamente críticas co poder estabelecido, tamén é certo que só pasa con gobernos na esfera da esquerda ou do nacionalisnmo catalán e basco.

Por todas estas razóns que asimilamos á indicios do devir social, nesta democracia, en principio homologada en Europa, non tivo moita respercusión a sanción administrativa a Héctor Castiñeira enfermeiro nado en Lugo e que tivo a ben converter a súa experiencia persoal en crónica dunhas condicións de traballo inestábeis, duras e desequilibradoras do que poderíamos considerar dignidade laboral e saúde no traballo.

Namentras a súa capacidade de narrar estivo tinxida de humor participou como colaborador en medios de comunicación públicos e privados cumprindo un rol de divulgador de prácticas saudábeis necesarias. Mesmo en plena pandemia as súas contribucións (por exemplo na RG) caracterizáronse por alentar serenidade e calma en tempos tan difíceis: é dicer de acordo co seu rol profesional fixo de compañía cualificada con ouíntes, pechados á forza na casa.

E chega o día que a “enfermeira saturada” se satura, non do contido do traballo, senón das condicións ultraprecarias en que ve desenvolvida a súa vida laboral e comete o erro, exercendo a súa liberdade de expresión para dicer a verdade, de dar a coñecer nunha emisora estatal de TV o fartazgo de enganchar un contrato de días tras outro, sen máis perspectiva que seguir así eternamente (sendo ben novo onúmero de contratos da súa vida laboral miden máis de 60 folios).

Resposta inmediata: sanción do Sergas por decir a verdade. Bravo, bravo, bravo, así chegaremos ben avante!!!( tampouco volvimos á escoitalo como colaborador da RG). A miña solidariedade desde este recuncho de observadora xa cumprida.