Eres o que te queixas

Firmas
Milagros Fernández

“ERES o que te queixas” pode ser un lema moi apropiado para tipificármonos nunha categoría clasificatoria tan á moda nestes últimos anos: “eres o que comes”, “eres o que vistes”, “eres o que pensas”. Con todo, chama a atención a presenza e o acrecentamento desta nova clase de xente laiante. Certo que vivimos circunstancias extraordinarias que fan ver o imprevisible e ata azaroso que pode ser, xa non o futuro, tamén incluso de súpeto o presente. Que non hai maneira de estarmos a gusto, vaia!

Mais por isto mesmo, porque hai andazos que non se poden gobernar, queixarse non fai moito avío. Como repetía de seguido a miña tía Elisa, imos ter dous traballos, un é o de laiármonos e o outro será facer o que inevitablemente nos toca. Hai queixumes –ao mellor case que todos– que pouco ou nada resolven.

Dicía F. Nietzsche (1844-1900) –penso que na súa obra Crepúsculo de los ídolos (1889)– que en todo lamento hai unha sutil dose de vinganza, con reproches de inxusticia e de privilexio ilícito cara os outros que non o fan, coma se fosen orixe do malestar dun mesmo.

Algo de razón levaba o filósofo cando en moitos casos as queixas se presentan coma maneiras críticas transcendentes e superiores non sempre ao alcance de todos. Algo así como que só quen se laia ten conciencia da incomodidade, do erro ou da dor.

Está claro que non todos temos idénticos bordos no sentir físico, nen tampouco as mesmas marxes nas apreciacións mentais de molestias. As queixas son importantes para constatar que hai algún problema que precisa atención médica, ou para facer ver que emocionalmente algo amarga.

Pero, en todo caso, tanto
na dor física coma no enfastío mental, os lamentos de-berían ter o cometido de
buscarlle arreglo e solución
á incomodidade sentida. E para iso precísase ser reso-
lutivo. Ir máis aló de estar
enrocado no queixume.

Hai en Lingüística unha corrente que ven creando escola desde a década do 2000 (tranquilidade, adianto que non vou pecar de ser técnica), e que se coñece co nome de gramática de construcións. A nai desta teoría, a profesora Adele Goldberg (1963) da Princeton University, sinala que somos nós, usuarios das linguas, os que nas prácticas comunicativas estamos arreo construíndo as gramáticas.

Non é un reclamar reglas previas de ningunha institución para falarmos, senón que se trata de actuarmos dinamicamente para ir edificando tales pautas. Os falantes desenvolvemos estratexias e tácticas para facérmonos entender: nos nosos discursos han estar as reglas das gramáticas.

Podemos instalarnos na categoría de queixosos máximos nun movimento circular que non facilita a saída do que nos dá acerbo, quizais reclamando que funcionen os xeitos de vida que esperabamos, e así teremos os dous traballos que adiantaba a miña tía. Mais tamén é posible seguir a estela que debuxa a lingüística de construcións probando novos xeitos de interacción e de comportamento sen estar suxeitos ás gramáticas previas que pode que xa non nos sirvan.