A Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense

Máis madeira, máis madeira!

Caetano Díaz
Ilustración: JOSÉ LUIS ESTÉVEZ

Se algo teñen garantido os ourensáns nesta lexislatura é que non se van aburrir con vostede, o que non significa que se vaian divertir exactamente. Chegou á alcaldía coa impronta do telepredicador curtido na esgrima dos golpes ao fígado e iso, por forza, tense que notar. E nótase, xa se preocupa de que si, don Gonzalo. Coas súas ocorrencias, alehop!, lémbrame ao Groucho d’Os irmáns Marx no Oeste, convertido en maquinista dunha locomotora minguante e berrando máis madeira, máis madeira!, ou algo polo estilo.

Despediu 2019 lanzando urbi et orbi a proposta de erguer na ilustrada Cidade das Burgas o rañaceos máis alto de España, con oitenta andares e trescentos metros cara ao infinito. Contan que a súa paixón por estes hipnóticos edificios venlle de lonxe, da súa época de atleta, cando foi –diso presume– o primeiro español que participou na lexendaria e esgotadora subida ao Empire State Building de Nova York, no 2002. Nada volvimos saber, do rañaceos, digo, e o caso é que a idea tiña percorrido, por moito balbordo que houbese, que o houbo.

Outra cousa é, desculpe señor Pérez Jácome a franqueza, este dislate dos gardiáns do tempo, persoal da súa confianza, para vixilar que os estupefactos funcionarios municipais cumpran os prazos cos expedientes administrativos. Se esa é a súa maneira de xustificar a contratación do dobre de asesores –ten vostede vinte e sete, tantos como concelleiros–, mala e fea ocupación lles escolleu.

Argumenta, don Gonzalo, con palabras que nos poñen diante da distopía: infracción, captadores, policías, cámaras. Compara o Concello de Ourense cunha fábrica da que saen tres coches ao día en vez dun cento, e sentenza: “Cando un prazo non se cumpre, ten que haber persoas que digan aquí falla algo e, obviamente, desatascalo, buscar responsables ou o que sexa necesario”. En poucas palabras, señor alcalde, o ollo vingador do Grande Irmán.

Case o de menos neste dislate seu é o cheiro a ilegalidade por abuso de poder. O de máis, que con esa garda pretoriana abre as portas, de par en par, do estado de sospeita. Alentouno, ai!, dende o primeiro minuto, cando esbardallou sobre unha “mafia do escaqueo” (sic) e anunciou un sistema para controlar o cumprimento do horario laboral. Aléntao cando vomita que “os sindicatos están para traballar o menos posible”.

Equivocarase se abraza o velenoso modelo Trump de furia e lume. Errará se segue adiante cos seus gardiáns do tempo, cun claro e uniforme perfil ideolóxico, que teñen todas as trazas de seren outra cousa: comisarios políticos. De aí, xa llo adianto eu, pouco bo pode saír. Atentamente.