Mimá, quen nos vería votando hoxe!

Luis Pérez
De non adiantarse ao 12- J, hoxe poderiamos os galegos estar a votar.

Estado de alarma e toque de queda son conceptos que mentalmente asociamos a situacións bélicas. Son medidas extremas, excepcionais, das que se bota man cando a lexislación ordinaria non é capaz de dar resposta a un desafío inminente da máxima gravidade. O seu uso ha de ser, se se dera o caso, puntual e o máis breve posible, pois afecta aos dereitos fundamentais das persoas, en definitiva, aos dereitos humanos. É habitual nos réximes totalitarios, cuxos cidadáns xa viven soxulgados en permanente estado de excepción, pero ha de ser utilizado nos democráticos con mesura e prudencia. Esperemos que así sexa.

Ninguén discutiu na primeira onda da epidemia a declaración da alarma Criticouse a xestión do Goberno e o seu mando único, e creo que con razóns obxectivas. Os datos de España, o país do mundo desenvolvido con maior incidencia, avalan as críticas, pero non obstante a dura medida foi ratificada primeiro por unanimidade e despois por amplas maiorías no Congreso, ata que ao baixar a incidencia optouse por fórmulas menos drásticas.

Aproveitando a tregua do virus, no País Vasco e Galicia celebráronse eleccións o 12 de xullo cunha máis que notable normalidade. Aquí, os principais partidos da oposición reclamaban suspendelas, ao que afortunadamente non accedeu a Xunta Electoral. De facerlles caso Feijóo a Pontón e Caballero poderiamos estar a votar hoxe, 25 de outubro, data límite da anterior lexislatura, cando se baten records de incidencia nas dúas comunidades citadas, peor situación aínda no resto de España e cunha Xunta en funcións quen sabe canto tempo durante o peor desta segunda onda da pandemia.

Como o Goberno central non moveu un dedo desde que trasladou toda a responsabilidade ás comunidades autónomas, sen facer os deberes que se puxo antes de verán, agora probablemente non quede máis remedio que volver decretar o estado de alarma. A covid-19 non é desgraciadamente unha excepcionalidade pasaxeira. Chegou para quedar polo menos uns cuantos anos. Nestes meses houbo tempo máis que suficiente para modificar a Lei de Saúde Pública, de maneira que con normativa ordinaria, máis precisa, puidésese combater o virus sen necesidade de canonazos, e coa dúbida de se se chega outra vez tarde, a pólvora está mollada, dispárase ao aire ou todo queda en salvas.

Os gobernos catalán e vasco apoian o estado de alarma, coa condición de exercer o mando único. Dubido que a legalidade permita a unha autonomía ter o mando do exército, das forzas e corpos de seguridade do Estado e o control das fronteiras, por citar algúns supostos. Asi é así, mando único para todas, Incluído o Couto Mixto.