O drama do paro laboral

Salvador García-Bodaño

INDICÓUSENOS xa a principios deste ano (5 de xaneiro) dende La Moncloa que o paro rexistrado ven aumentado dende o mes anterior en 36.825 (0,96%) persoas segundo se rexistrou no Servicio Publico de Empleo Estatal (SEPE) o que reflexa o impacto crecente da pandemia na actividade económica: Construción en 18.496 persoas, Industria en 9.885 persoas, Servicios en 8.134 persoas e no colectivo Sen Emprego Anterior en 1.621 persoas e aumenta máis en sectores masculinizados como a Construción.

O desemprego dos menores de 25 años descendeu en 2.722 persoas. O paro por sexos é de 2.225.121 traballadoras, e de 1.663.016 traballadores. Galicia suma 189.587 (+214,69%) en desemprego. No Estado a recente avaliación totaliza 3.888.137 persoas inscritas en situación de desemprego.

Nunha grave situación sanitaria provocada pola pandemia e pola inseguridade social como a que estamos a vivir co elevado índice de persoas en paro véñenlle a un en lembranza os históricos xiros experimentados nas relacións capital/traballo na evolutiva transformación da sociedade. Á mente véñenseme neste senso antigas referencias da pasada modernidade como, por exemplo, a intervención de Alain Peyrefitte, político francés, diplomático, escritor, que identificaba empresa/emprego coma o espazo privilexiado na actuación económica.

O feito de que a empresa capitalista sexa tamén un sementeiro de conflitos e enfrontamentos non debe confundirnos: non hai desafío sen confianza. Si os empregados loitaban polos seus dereitos, era porque tiñan confianza no poder de holding (posesión, pertenza) do marco, no que segundo se atopaban e desexaban, os seus dereitos serían inscritos; confiaban en que a empresa era o lugar axeitado para poñer a resgardo os seus dereitos, máis isto deixou de ser así.

A maioría das persoas razoábeis preferirían inverter os aforros de toda a súa vida nos tristemente célebres fondos de inversión que xogan na bolsa ou nunha compañía de seguros antes que contar coas pensións e retiros que a empresa para a que traballaban lles pode proporcionar. Como resumira Nigel Thrift é moi difícil depositar a confianza en organizacións que ao tempo están a ser achicadas, reestruturadas e racionalizadas.

Pola súa parte o sociólogo Pierre Bourdieu amosou o vínculo entre o colapso da confianza e a decadente vontade de compromiso político e acción colectiva. O pasaxe do capitalismo pesado ao livián e da modernidade sólida á fluída constituío o marco no cal se inscribe a dramática historia da man de obra.

Non sería nin razoábel nin esclarecedor explicar a desesperante situación na que se encontra o traballo na parte do mundo máis avanzada a partir dun cambio no escenario social no que a xente leva adiante os seus asuntos, transformado radicalmente dende os tempos no que obreiros que enchían as fábricas cerraron filas para lograr condicións máis humanas e gratificantes a cambio do seu traballo no desexo dunha “sociedade boa” que encarnara os principios universais da xustiza.