O exame do 4 de decembro

Luis Pérez
A hostelería compostelana precisa medidas de máis longo alcance

GALICIA está rodeada por territorios infestados de virus. Castela e León, Asturias e o norte de Portugal rexistran nos últimos días os peores datos sobre a evolución da pandemia desde o comezo, que axiña cumprirá un ano. Falouse de milagre asturiano, de eficaz modelo lusitano, en ámbolos casos con demasiada precipitación. Non así na comunidade castelanoleonesa, que sempre estivo por riba da media española, achacándoo á proximidade de Madrid. Hoxe, esa comunidade rexistra unha evolución favorable, alomenos en termos relativos, polo que o factor madrileño de contaxio debería diminuír nas rexións lindeiras ou cun importante fluxo de desprazamentos, como é Galicia en períodos vacacionais. Coa decisión da súa presidenta Ayuso de pechar perimetralmente o seu territorio en torno á ponte da Constitución evita cando menos que desde outros territorios se estigmatice aos madrileños, sinalándoos como culpabeis. Ou aos madrigalegos, como sucedeu este verán. Politicamente sempre é rendible buscar un inimigo exterior, aínda que non o haxa.

Nestes momentos, a pesar de estar rodeados, Galicia capea o temporal con mellores resultados que os nosos veciños, que o conxunto de España e de Europa. En calquera caso, a situación segue a ser moi delicada, coa incerteza de que en calquera momento suceda o de Asturias. As miradas están postas no venres 4 de decembro, inicio do que debería ser unha longa ponte de cinco días. E dentro das principais cidades galegas, Santiago rexistrou nos últimos días moi boa evolución, o que levou ao alcalde a manifestar a súa confianza en que ese día poidan suavizarse algunhas restricións, sobre todo as do sector hostaleiro. Creo que Bugallo, coa mellor intención do mundo, plasmou máis un desexo que fixo un prognóstico. Para coñecer a realidade, hai que esperar uns días, pero en caso de dúbida, en tempos de desolación non facer mudanza, que aconsellaba o santo. Ou tamén, se algo funciona non o cambies.

A capital galega é a máis prexudicada polo peche deste sector estratéxico. Polo tanto, desde as distintas administración debe terse en conta á hora de conceder e planificar axudas, que non deixan de ser paliativas. Está claro que non pode haber discriminación no plano individual, pero se poñemos a luz longa, cando volvamos á normalidade, deberianse implementar desde agora medidas potenciadoras do valor de Santiago como foco de atracción, que redunda ademáis en beneficio de toda Galicia. Como desconxelar o orzamento do Consorcio, organismo encargado de velar polo patrimonio; igualmente o do estatuto de capitalidade, recuperar o tempo perdido en obras de infraestruturas que xa debían estar rematadas ou case, e mellorar os servizos de transporte urbano e limpeza, impropios do noso tempo.

O 4 de decembro é un porto de cuarta categoría previo a un de primeira, o Nadal, a lonxe da meta final. Cómpre perseverancia, sentidiño e altura de miras.