O PSdeG-PSOE na encrucillada

Luis Pérez
As relacións entre Caballero e Formoso empeoraron tras as primarias

ASUMO a pouca orixinalidade do titular desta crónica dominical, do seu uso e abuso en moitas ocasións para saír do apuro, pero no meu descargo hei de dicir que esta vez os socialistas galegos sí se atopan nun intre moi delicado, un tanto desorientados e non sabendo moi ben por onde tirar. Co gallo da ponte da Constitución, martes e mércores vindeiros celebrarán en Santiago o XIV Congreso Nacional Galego, co que a dirección entrante tratará de recuperar o terreo perdido nos últimos anos para volver a ser a segunda forza en Galicia e desde aí tentar o asalto á Xunta.

Os congresos do PSOE perderon interese e relevancia desde que se elixe previamente o secretario xeral. Este modelo presidencialista converte aos conclaves en trámites formais, pero con escaso poder decisorio. Todo chegará ben cociñado polos organizadores, sempre da corda do secretario xeral, aínda que haxa que cambialos no medio da partida como sucedeu nesta ocasión. O maior beneficio está na súa utilización como escaparate mediático para o novo líder, neste caso Valentín González Formoso, sempre que non lle tiren unha pedra, como ameaza o seu opoñente perdedor Gonzalo Caballero. A presenza de Pedro Sánchez, quen non parecía moi animado a vir, dará lustre ao evento, pero tamén desviará os focos de quen máis os precisa, Formoso, e dará razóns á principal rival, Ana Pontón, cando lembre o continuismo na submisión dos socialistas galegos a Madrid.

A clave fundamental está en ver cal vai ser a posición de Caballero a partir do día seguinte. O que se diga e vexa durante o congreso pode servir para recuperar a unidade, ou non, tal como sucedeu despois da aparente fraternidade coa que vencedor e vencido fotografáronse no Parlamento galego. Ambos os dous desenfundaron ao pouco os coitelos que gardan sempre ben afiados.

Formoso obtivo un cómodo triunfo nas primarias, cun 20 por cento máis de apoios, pero a porcentaxe sen máis, espida, pode inducir a erros de lectura. En realidade o partido dividiuse en dous, entre o norte e o sur, cun fito de gran relevancia: Vigo. Certo que o potencial olívico non pertence ao sobriño, senón que provén do tío. A actitude do alcalde de Vigo será decisiva para consolidar ao presidente da Deputación coruñesa. Sánchez terá que mediar.