O que non reficte o PIB (e III)

Firmas
María do Carme García-Negro

FALAMABOS días pasados das debilidades do uso da cifra PIB para amosar unha fotografía da realidade económica dun país. E, como todas as fotos, ten algunhas componentes pre-imaxe que convén coñecer para logo interpretar. Deixando á parte os elementos de aprendizado social de posar para unha imaxe fixa, que, como se dixo, é un valor social, podemos examinar as súas componentes materiais.

Así, no caso do PIB, é habitual dar a coñecer a produción por sectores de actividade económica cunha denominación obsoleta cal é a que corresponde á clasificación de actividades entre sector primario, secundario e terciario. Hoxe non hai no PIB dunha economía como a nosa nen na de ningún país da OCDE, sector primario tal e como foi definido por C. Clark en 1945. As producións agrícolas, gandeiras e pesqueiras son netamente industriais aínda que non teñen correspondencia cunha imaxe de factoría do sector industrial clásico. Por tanto, o uso de certas clasificacións (ou simples denominacións) antigas deixa de ser funcional para representar ou identificar unha actividade económica. Digamos, usando o símil fotográfico, que se vestiu o fotografado con roupa da metade do século pasado.

E esta representación ten consecuencias económicas de todo tipo. As máis relevantes son as da política económica aplicábel por parte dos entes políticos responsábeis, tanto estatais como autonómicos ou da UE. A imaxe transmitida de crise é completamente distinta se se trata de desindustrialización referida a factorías industriais, da industria de bens de equipo, por exemplo, ou da desaparición de explotacións agrogandeiras: non visíbeis nen visibilizadas, non agrupadas en polígonos industriais, non urbanas, e anuladas na capacidade de intervención pública. E este problema é dobre, xa que á súa vez crea condicións de desapego por parte dos poderes públicos, pasando de ocultar (as actividades citadas) a facelas prescindíbeis.

Nen nos programas políticos dos gobernos actuais nen nos deseños dos proxectos para o uso dos fondos Next Generation EU, citouse en nengures a necesidade de vertebrar produción galega de bens alimentos (agrogandeiros e pesqueiros) con industria transformadora e con actividade comercial de distribución desde a produción galega. A foto fixo o seu efeito e o observador/gobernante cambiou de modelo.

A foto/PIB non dá a coñecer certos aspectos da estrutura económica dun país que son fonte de problemas cando só comparamos cifras de PIB (en termos monetarios). Referímonos á estrutura da propiedade do capital instalado, xa que o futuro inmediato de economías con idéntico PIB e propriedade do capital desemellante teñen tamén unhas perspectivas de porvir completamente distintas. Non é igual que un país teña empresas de mediano tamaño en mans de titulares nacionais que as cifras de produción correspondan só con factorías sucursais de capital foráneo.

A foto pode aparecer no período seguinte co modelo espido: o traxe era emprestado. A forma e titularidade das empresas existentes é decisivo na traza do porvir e na dirección do novo investimento, xa que non é indiferente á hora de falar do PIB dunha economía esquecer as características da estrutura empresarial que compón o tecido produtivo.