e os escépticos

Firmas
Xosé Cermeño

UN día de setembro de 1975, no programa que presentaba José María Íñigo na única televisión existente daquela, apareceu un exmilitar israelí coñecido como Uri Geller que aseguraba ter o que el chamaba poderes psíquicos ou paranormais ou cousa semellante. O falabarato do Geller aseguraba que podía dobrar e mesmo partir culleres e outros obxectos de metal co poder da súa mente. Aquela noite, a presunta demostración de Geller logrou unha audiencia que se estima en vinte millóns de persoas e convertiuse no tema das conversas dos españois durante moitos días.

O Geller logrou aparentemente que as culleres se fundiran entre os seus dedos, que os reloxos parados volveran funcionar e que ás portas do estudo do programa se axuntaran centos de persoas para pedirlle, como se fora o mesmísimo San Benitiño, todo tipo de milagres e curacións. Non tardaron algunhas persoas de mentalidade escéptica e con coñecementos de ilusionismo en desmontar os trucos que usaba Geller para lograr os seus dubidosos prodixios, pero hai persoas que lembran aquel acontecemento televisivo e que aseguran que unha culler se dobrou nas súas mans seguindo as indicacións do mentireiro israelí.

É algo misterioso por que os individuos podemos chegar a crer parvadas como estas. Unha das persoas que dedicaron máis esforzo a facer entender que non sempre debemos fiarnos do que estaban dispostos a crer –e que o escepticismo é unha maneira moi saudable de usar a mente– foi James Randi. O canadiano Randi traballou como ilusionista en circos e teatros e sabía que o cerebro é moito mais débil do que parece, porque cando estamos ante un mago o noso cerebro recibe a información de dous sentidos –a vista e o oido– que son fáciles de enganar. E algo así nos pasa tamén diante de todo tipo de embaucadores. En realidade, é moi sinxelo enganar e ser enganados: os prexuizos, os intereses, o egoismo, a desesperanza, a urxencia por atopar solucións aos nosos problemas e mil feblezas máis que están axexando dentro de nos axudan a que acabemos crendo o que non deberiamos crer. Todo sería diferente (e mellor) se usaramos con máis frecuencia a parte escéptica e racional do noso pensamento.

A Randi alcumárono como “o herdeiro de Houdini”, porque ambos prestidixitadores usaron os seus coñecementos de ilusionismo para deixar en evidencia aos predicadores da parapsicoloxía, o mentalismo, o espiritismo, a homeopatía, a astroloxía e outras trapalladas. Randi promoveu o escepticismo con todo tipo de iniciativas –creando “clubs de escepticismo”, impartindo conferencias e escribindo libros– que foron decisivas para ensinar a moita xente a protexerse de fraudes e pensar mellor. Estivo en Galicia hai case dez anos en dous congresos celebrados na Illa de San Simón (Redondela), co seu aspecto de profeta incrédulo e as súas firmes convicións racionalistas. Randi morreu hai unha semana e os escépticos do mundo sentimos fondamente a súa perda.