Os residuos da barbarie

Salvador García-Bodaño

A humanidade ven padecendo graves e mortíferos avatares non só neste tempo de índole brutalmente epidémica, ou de áreas bélicas, senón, tamén, os referidos ás contaminacións e vertidos como a invasión dos residuos plásticos e outras polucións que cunha fonda preocupación e mesmo en referencia a Galicia teño escrito nestes anos unha serie de textos como Augas malferidas, O perigo climático, O efecto invernadoiro, Pélagos de plástico, A estratexia do cambio climático, Bandeiras negras da contaminación, O envelenamento mundial, O turbio asunto das augas turbias, nos que se facía alusión ás contaminacións que hoxe especificamos en diversas clases como “hídrica”, “solo”, “acústica, “lumínica”, “visual”. “térmica”... producidas por pesticidas e produtos químicos, deforestación, desperdicios industriais e domésticos, combustíbeis fósiles ou elevados índices de produción de lixo.

Segundo estudos de Greenpeace, o plástico invade a nosa existencia: “podemos atopalo en envases de produtos, ingredientes de cosméticos, o téxtil da roupa, materiais de construción”... Cada ano chega a mares e océanos nada menos que o equivalente en lixo a 1.200 veces o peso da Torre Eiffel. Só o 30% de plásticos recíclanse no estado español. E o futuro faise arrepiante xa que unha botella de plástico bota 500 anos en se descompoñer.

Greenpeace forma parte do movemento global Break Free From Plastic no que centos de ONG traballan por un futuro sen contaminacións plásticas. Sendo preciso “reducir o uso e o impacto dos plásticos sobre os ecosistemas como responsabilidade de todos, tanto administracións públicas, como empresas fabricantes ou usuarios”.

Greenpeace pide ao Goberno proceder a reducir o consumo de plásticos: o fomento de medidas baseadas na economía circular, priorizando limitar a produción e consumo de plásticos reutilizando a materia prima e novos materiais con menor impacto ambiental. Abandono de envases e garantir o seu reciclado co sistema de retorno de envases. Prohibir o uso de microesferas plásticas e fomentar a innovación de alternativas que reduzan o seu uso.

Nun senso amplo o Programa de Acción Global (Global Action Programme) é mundial porque “seguimos a vivir nunha situación de emerxencia planetaria” cunha serie de “problemas que non cesan de se agravar: contaminación e degradación dos ecosistemas, cambio climático, esgotamento de recursos, crecemento incontrolado da poboación mundial, pobreza extrema de miles de millóns de persoas no consumismo depredador dunha quinta parte da humanidade, conflitos destrutivos, perda da diversidade biolóxica e cultural...”.

E se advirte que isto “exixe vontade política para superar comportamentos irresponsábeis, guiados por intereses privados a curto prazo, que provocan unha pegada ecolóxica superior a biocapacidade do planeta e imposibilitan o benestar da maioría da poboación. Expresado o anterior compre agardar que a Economía Circular sexa un esperanzador futuro urxente que se abre ante nós.