Vida nos adentros

Milagros Fernández

O lema publicitario de Gadis está moi logrado. Mensaxe curta, pero chea de significado da terra. Hai moita antropoloxía maravillosamente verbalizada neses anuncios de “Vivamos como galegos”. Xeitos de relacionármonos para sentir o que somos. Sen a lousa aplanante da globalidade.

Non é doado definir que é iso de vivir ou de estarmos vivos. E non estou a falar tan só de que respiremos ou de que o corazón bombee sangue. Están máis que nada aquelas maneiras singulares de facer camiño sendo un mesmo no día a día. Con miradas cara a fóra ou con miradas cara a dentro. Con moita compañía ou en soidade. Agardando a que nos fagan vibrar ou na procura un mesmo do que lle faga ben.

O escritor americano Jonathan Franzen (1959) sinala no seu oficio o converterse en explorador para ollar que hai debaixo das capas superficiais das nosas vidas. Ler un libro é para Franzen estar en compaña con esoutra xente do relato, tan diferente ou tan parecida a un. Mirar identidades e xeitos de facer que nos fan medrar interiormente. Unha das súas novelas máis afamadas, Libertad (2010, Salamandra), revélase na súa promoción como “regos de respostas á pregunta de Como vivir?”.

En circunstancias excepcionais como as que nos envolven é cando se nota de maneira clara o afeitos que estamos en existir exclusivamente cara a fóra, sen apenas cultivo de vida interior. Moita queixa de falta de festas, de ausencia de ceas en restaurantes, de encontrármonos nos bares. Que non digo eu que estorbe ou que non sexa necesario. Mais en momentos coma os que nos tocan é cando se advirten os baleiros e a urxencia de patear vereas que nos permitan desfrutar dentro de nós. “Con cantas persoas falas de libros?” pode ser a pregunta pedra-de-toque sintomática dese buxán de vida cara a dentro.

Nesta época nosa, na que son tan populares os procesos de sandación para recuperar a autoestima ou o equilibrio persoal, a lectura é sen dúbida un instrumento idóneo en dinámicas terapéuticas. Para a destacada escritora, Irene Vallejo (Premio Nacional de Ensaio 2020), “ler permítenos tomar aire fronte á asfixia” (Reescrituras del tiempo, El País 19/12/2020). Dalgunha maneira, exercitarse na concentración do agora-presente que reclama o feito de ler, é un entrenamento primordial para vencer a ansiedade e os pensamentos intrusivos. Unha especie de Pilates mental. Non é estraño que, en orixe, a lectura fose un procedemento que impedía ao cerebro –sempre curioso– despistarse, e tamén unha cura contra a galbana e a procastinación.

Da man destes beneficios curativos individuais que trae o ler están os proveitos sociais derivados de transitar polos libros. O desenvolvemento ou a mellora de habilidades empáticas vai ser consecuencia natural de identificarse e pórse no lugar dos personaxes dos relatos. Sen dúbida, un método infalible para aprender a sentir o que os outros están pasando.

Hai poucos días publicouse un vídeo en Youtube baixo o lema (hashtag #) «¡Vuelve a la vida!» (https://www.youtube.com/watch?v=Xxhx1hnj2dk), e que precisamente outorga ao alimento cultural o atributo para estarmos emocionalmente presentes. Un requisito inapelable para facer fronte aos andazos de fóra: encher os adentros de música, de lectura, de cinema. E mirar pouco ou, mellor, nada a televisión. Proben e achéguense a como Angelika Schrobsdorff (Tú no eres como otras madres, Periférica) conta, cunha mestura intelixente de tenrura e ironía, a vida de súa nai, muller xudía e independente no período nazi.