Xosé Iglesias, gran mariñeiro e poeta

José Miguel Giráldez

COÑECÍN a Xosé Iglesias hai xa algúns anos, cando Antonio de Toro e máis eu comezamos a compilar a antoloxía de poesía galega e irlandesa titulada Fisterras Atlánticas, publicada en tres linguas por Medulia. Por entón, andabamos realmente ocupados na misteriosa e profunda relación entre o océano e a literatura, e particularmente a poesía, pois o poeta irlandés Paddy Bushe, bo amigo, reunira tamén poemas do mar nunha antoloxía que nos serviu de modelo, Voices at the World’s Edge, publicada por Dedalus Press.

Foi así como nos comunicamos con decenas de poetas atlánticos, e foi así tamén como atopamos no percorrido desa viaxe literaria este nexo extraordinario que nos servía para explicar a gran relación marítima, histórica e cultural entre Irlanda e Galicia. E que, en realidade, bebía daquela idea do xeógrafo Estyn Evans, a idea de que o Atlántico foi un territorio común, un roteiro polo que circularon sen cesar as ideas e as mercadorías desde a Prehistoria. Sen dúbida, o océano Atlántico non pode separarse da nosa identidade, do noso ser. Ese Atlántico é o gran motor literario e vital do poeta e mariñeiro Xosé Iglesias.

Agora, Iglesias vén de publicar o seu terceiro poemario (ten outros libros, onde podemos atopar os seus debuxos e as súas acuarelas, sempre unha homenaxe constante ao mar). Hoxe presentaremos este pequeno e emocionante libro, Atlántico Norte, chamádeme Ismael (Caldeirón) na Libraría Couceiro de Compostela (19.30). É o momento perfecto para achegarse á figura do gran Xosé Iglesias, diferente quizais á figura do poeta á que estamos afeitos, pero non tan diferente, en realidade, a algúns escritores (non só poetas) que fixeron do océano o tema central das súas vidas e da súa escrita. Non podería ser doutra maneira no caso de Xosé Iglesias, patrón de pesca, mariñeiro, pintor, poeta e algunhas cousas máis. A ondada literaria que levanta Xosé Iglesias coa súa literatura, tamén coas lecturas dos seus poemas (adoita intervir na radio), é algo que paga a pena verse e escoitarse. Hoxe poderán facelo, nunha desas ocasións nas que o poeta se aventura terra dentro, afeito, como está a falar e a escribir desde o corazón do Atlántico. Este libro foi escrito desde o camarote de Ismael. Foi escrito mirando cara á costa, pero en augas moi afastadas e perigosas. Así o explica, no magnífico limiar, a poeta Eva Veiga.

E así o explica tamén o poeta. “Como home de mar, escribín poemarios máis técnicos. Neste libro o vocabulario técnico sobre a vida a bordo dun barco é case nulo. Creo que son poemas moi sinxelos de entender. A idea xurdiu porque fai uns tres anos atopei na miña casa unha carta daquelas que eu lle escribía á miña ex muller, cando estiven no Atlántico Norte. Iso foi durante catro anos, de 1999 a 2003. Aquelas cartas... Era unha maneira de whatsappear con ela, diriamos hoxe”.

Por iso Eva Veiga di no limiar que esta colección de poemas non é só un libro sobre o océano, senón un libro sobre o amor. Este é un libro sobre a forza descomunal do mar e sobre a forza descomunal do amor: “Nesta ponte de mando namorei. / E se digo namorei é porque / preciso os horizontes azuis”. Mariñeiro como Ulises, como Ismael, o poeta ama volver a casa, mais tamén lembra: “preciso emigrar cara ao azul”, “escollo recolocarme fóra de todo equilibrio”. O mar como unha fe insobornable, a fe no deus-balea: “creo firmemente / en todos os deuses baixo o mar”.