Galicia intensifica a realización de test para intentar frear os gromos de covid

Farase un cribado masivo a uns mil mozos en Melide, onde xa se rexistran nove contaxios // A Xunta comunica a súa adhesión á aplicación estatal de rastrexo para o móbil
Coronavirus
M. Triñanes
Asturias prohibirá hoxe fumar na vía pública, case unha semana despois de facelo a Xunta. Foto: A.Morante

A Consellería de Sanidade realizou no día de onte dúas comunicacións que se encadran nun mesmo eixo, o do aumento do control ante un panorama no que os gromos existentes de coronavirus na comunidade continúan medrando e con contagotas rexístranse novos de xeito diario.

A primeira destas comunicacións refírese aos dous brotes existentes no concello coruñés de Melide. Alí a área sanitaria de Santiago-Barbanza comunicou onte que realizará un cribado masivo a mil mozos de entre 18 e 30 anos de idade. Levarase a cabo entre hoxe e mañán no Centro de Saúde da localidade. O feito que levou ás autoridades sanitarias a levar a cabo este screening masivo foi a detección de dous gromos na localidade, un deles asociado a un grupo de catro amigos menores de 30 anos e outro nunha unidade familiar composto por tres casos. Un cribado que se suma aos que nestes días se están realizando nos concellos da área coruñesa a persoas especialmente expostas á covid.

Ademais, Sanidade informou da ahesión da comunidade á aplicación estatal de rastrexo Radar Covid. Por medio dunha carta, Jesús Vázquez Almuíña comunicoullo ao departamento estatal de Sanidad, que lidera Salvador Illa, sinalando que a situación actual fai preciso adoptar novas vías de control e seguimento para combater a expansión do virus, e, deste xeito, acadar unha xestión o máis optimizada posible da súa evolución. A Xunta xa viña traballando na súa propia aplicación, denominada Passcovid que será interoperable co sistema de rastrexo estatal.

Este aumento no control foi comunicado por Sanidade no día de onte, unha xornada aciaga na evolución da covid na comunidade coa detección de cinco novos gromos –tres casos ou máis relacionados entre si–, e o crecemento dos positivos en tres dos que xa estaban rexistrados con anterioridade.

Dos rexistrados no día de onte, os dous que adquiren unha maior relevancia pola cantidade de positivos son os do concello de Melide, onde entre ambos gromos suman 9 casos.

En Monforte de Lemos detectouse tamén un abrocho de oito positivos nun edificio. Establecendo o persoal sanitario un rastrexo no resto de veciños co fin de confirmar outras posibles infeccións.

No concello coruñés de Cedeira rexistrouse un gromo con orixe nun núcleo familiar con 7 positivos, e neste momento as autoridades sanitarias analizan aos convivintes dos infectados.

Así mesmo, na provincia de Ourense, foron dous os abrochos rexistrados na xornada de onte. O primeiro deles en Verín, onde o seguimento dos contactos máis estreitos dunha muller con positivo que estivo na vila ourensá recentemente supuxo a detección de tres casos nun entorno familiar –pai, nai e fillo– que se atopan en seguimento domiciliario. O segundo, na cidade das Burgas, onde tamén a raíz do positivo o domingo dunha muller de 49 anos, detectáronse dous novos positivos na súa unidade familiar –dous mozos de 21 e 15 anos–. Os tres evolucionan na súa vivenda.

Dos que medran en número de positivos, é destacable o de Viana do Bolo, onde o seguimento do gromo importado de covid-19 detectado o domingo que afectaba a seis persoas, levou a atopar onte sete novos infectados a través do rastrexo de contactos.

No concello de Muros, apareceu tamén un novo infectado en relación co abrocho do cámping de Louro. Aumentando ata os oito os casos activos. Neste momento, Sanidade atópase estudando os contactos deste novo caso con domicilio en Compostela.

Para rematar foi tamén detectado onte un novo caso no gromo dun campamento infantil do concello de Cerdido, elevando ata os 16 os positivos neste caso.