Modelo matemático galego para lograr o equilibrio entre as restricións pola COVID e a apertura económica
Un grupo de investigadores de Santiago presentaron, no marco do proxecto de investigación “Predico” (Predición dinámica de escenarios de afectación por Covid-19 a curto e medio prazo), un novo modelo matemático de control óptimo que permite avaliar, de forma eficaz, o equilibrio entre a apertura das economías e a evolución das taxas de contaxio do virus. Esta investigación, que foi presentada na convocatoria de proxectos de loita contra a COVID polo Ministerio de Ciencia e Innovación, conseguiu ser un dos 130 plans aprobados de entre os 1.500 presentados, o que supón estar entre case un 10% de admitidos. Entre estes destacan outros 6 proxectos que tamén son de orixe galega. “Foi unha das convocatorias máis duras que lembro dos plans nacionais de investigación do Goberno de España”, sinala Jorge Mira, o investigador principal do proxecto.
O catedrático na área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada na USC explicounos como funciona e a súa evolución. “Ten varias patas principais ordenadas de forma cronolóxica. A primeira delas é o que eu chamo a modelización clásica de avance de pandemias, para a que empregamos un sistema de predicción matemática que conta con varios enfoques, sendo o primeiro destes o enfoque clásico. Dous membros do proxecto, Iván Garea da Universidade de Vigo e Juan Nieto da USC, xa tiñan experiencia previa en modelar o Zika e o Ébola e, cando comezou a pandemia en Wuhan, xa se encargaron da modelización do virus. Foron dos primeiros do mundo en sacar a idea do superpropagador”, explica o profesor. Por poutro lado, “fixemos unha proxección o 4 de marzo que advertía que o 5 de abril ía chegar o pico da pandemia. E, ademais, puidemos calcular de forma moi exitosa a ocupación das UCIS nese pico da pandemia”, sinala Jorge.
En canto á segunda parte da investigación, esta introduciríase no momento en que cambia o escenario e comezamos a vivir coa COVID. “A sociedade sintoniza a súa resposta co que ve tanto na televisión como nas redes e outros medios, así que decidimos incoporar, da man de Alberto Pérez Muñuzuri, un sistema de lectura das opinións a través da monitorización das RR.SS., Twitter neste caso, conseguindo así un coeficiente de docilidade social e coñecendo como de permeable é a sociedade ás directrices políticas. Sacamos unha medida cuantitativa que amosa a capacidade da sociedade de obedecer ou non as normas, e isto úsase para actualizar a predición”, argumenta o profesor.
Ante as complicacións que comezan a aparecer a raíz das constantes fluctuacións, a dificultade para facer predicións aumenta, e é neste intre no que aparece a terceira pata da investigación. “Baixo a dirección de Luis Seoane, do Centro de Biotecnoloxía de Madrid (CNB-CSIC), que se basea na exploración dos comportamentos das curvas de datos sen ecuacións, puidemos evitar todo tipo de contaminacións que puideran existir, tanto influencias sociais como normativas, xa que España é un país moi heteroxéneo”, explica. “Isto foi probado con reproducións da gripe de epidemias pasadas, e o método foi capaz de prever moi ben a súa evolución”, argumenta o investigador Mira.